Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

25 de Novembro de 2020. Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

  • CCOO E UGT INSTAN A ERRADICAR AS VIOLENCIAS MACHISTAS e reclámanlle ao Goberno a ratificación dos Convenios 189 e 190 da OIT

As confederacións sindicais de Comisións Obreiras (CCOO) e da Unión Xeral de Traballadores (UGT) queremos facer un chamamento este 25 de Novembro de 2020, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, ao conxunto de traballadoras e traballadores e a toda a cidadanía en xeral, para que se sumen á denuncia e repulsa de todos os actos de violencia machista, dos máis graves e dramáticos e daqueloutros que permanecen invisibles pero igualmente danan a saúde, a liberdade, a seguridade, a autonomía e a dignidade de todas as mulleres.

19/11/2020.
25 de Novembro de 2020. Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

25 de Novembro de 2020. Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Rexeitamos plena e categoricamente calquera forma de violencia contra as mulleres, un tipo específico de violencia que se dirixe ás mulleres e nenas e que afunde as súas raíces nas desigualdades e discriminacións de xénero que persisten nas sociedades, preservadas por unha arraigada mentalidade patriarcal. Son violencias exercidas por homes que cren ter algún dereito sobre as mulleres e que se serven das violencias para mantelas baixo o seu control e suxeición, impedíndolles con coacción e/ou violencia o exercicio pleno dos seus dereitos fundamentais, entre eles, o dereito á liberdade, á integridade e á seguridade, á dignidade, á libre circulación ou á igualdade, chegando a quitarlles o dereito á vida a decenas de mulleres nun ano.

UGT e CCOO denunciamos a ameaza de que aumente o risco de exposición ás violencias machistas para as mulleres derivada do contexto actual, por unha dobre vía: dunha banda, debido á crise pola COVID-19, en principio sanitaria pero que está desembocando en crise económica e social, que contribúe a recluír as mulleres no fogar, principal escenario de violencia machista, e obstaculiza o seu acceso aos recursos de atención e protección aos que ten dereito. Doutra banda, a presenza institucional de grupos de ultradereita negacionista, empeñada en negar a existencia desta forma específica de violencia e que recorta, alí onde ten poder para facelo, os recursos públicos dispoñibles para a súa prevención e atención ás mulleres vítimas desta violencia.

CCOO e UGT consideramos moi alarmantes os datos dunha violencia con múltiples expresións que non só non se reduciu senón que recruou.

Este ano contamos coa fotografía que a Macroencuesta de violencia contra la mujer 2019, elaborada polo Centro de Investigacións Sociolóxicas por encargo da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, que mostra uns datos sobre o alcance desta violencia extremadamente preocupantes:

? Unha de cada dúas mulleres (57,3 %) residentes en España de 16 ou máis anos sufriron violencia ao longo das súas vidas. Supoñen 11 688 411 mulleres.

? Unha de cada cinco (19,8 %) sufrírona nos últimos doce meses. Supoñen 4 048 273 mulleres de 16 ou máis anos.

? As mulleres novas experiméntana en maior medida: o 71,2 % das mulleres de 16 a 24 anos e o 68,3 % das mulleres de 25 a 34 anos sufriron algún tipo de violencia ao longo das súas vidas, e o 42,1 % das que teñen 65 ou máis anos.

? O 13,7 % (2 802 914 mulleres) sufriron violencia sexual ao longo da vida por parte de calquera persoa (parella actual, parellas pasadas ou persoas coas que non se mantivo unha relación de parella), e o 1,8 % (359 095 mulleres) nos últimos 12 meses.

? O 21,5 % (4 387 480 mulleres) sufriron violencia física ao longo da vida por parte de calquera persoa (parella actual, parellas pasadas ou persoas coas que non mantiveron unha relación de parella), e o 1,7 % (351 770 mulleres) nos últimos 12 meses.

? O 6,5 % (1 322 052 mulleres) sufriron violencia sexual nalgún momento da súa vida por parte dalgunha persoa coa que non manteñen nin mantiveran unha relación de parella, e o 0,5 % (103 487) nos últimos 12 meses.

? Un 2,2 % (453 371 mulleres) do total de mulleres de 16 ou máis anos residentes en España foron violadas algunha vez na súa vida.

? O 99,6 % das mulleres que sufriron violencia sexual experimentárona por parte dun agresor home.

Coñecemos que as situacións de risco para as mulleres se incrementaron a consecuencia da pandemia, por diversas razóns: por aumento do risco debido ao maior tempo, cando non confinamento, no fogar familiar; por maiores dificultades para a autonomía económica, por maior empobrecemento debido ao maior desemprego, etc.
Ata o 10 de novembro de 2020, asasinaron 40 mulleres por violencia de xénero (máis dous casos en investigación), que deixaron 23 orfos/orfas. Desde 2003 foron asasinadas un total de 1073 mulleres.

UGT e CCOO valoramos as melloras introducidas polo Plan de Continxencia contra a violencia machista, posto en marcha polo Ministerio de Igualdade para facer fronte aos maiores riscos para as mulleres durante a pandemia, tanto en accesibilidade á información como en asistencia e protección social, pero seguimos reclamando máis efectividade e recursos na aplicación do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero. Pedímoslle ao Goberno, ás comunidades autónomas e ás Administracións locais que prioricen as súas actuacións e destinen os recursos e servizos necesarios e imprescindibles en prevención e atención integral, con orzamentos suficientes e coa contundencia que require atallar de vez un problema social que impide garantirlles ás mulleres unha vida en liberdade e o pleno exercicio dos seus dereitos.

CCOO e UGT pedímoslle ao Goberno que acelere a lexislación e as medidas políticas que implica a aplicación total do Convenio de Istambul (2011) sobre prevención, asistencia integral ás vítimas e loita contra todos os tipos de violencia contra as mulleres, sexan de carácter sexual, laboral, institucional, económica, acoso sexual ou outras violencias inflixidas pola parella ou exparella.
  
UGT e CCOO reclamamos, con carácter prioritario, a ratificación do Convenio 190 da Organización Internacional do Traballo (OIT) sobre a violencia e o acoso no mundo do traballo. Un convenio adoptado no marco tripartito do diálogo social internacional e que recoñece que a violencia e o acoso no mundo do traballo afectan a saúde psicolóxica, física e sexual das persoas, a súa dignidade e os seus círculos familiar e social.

CCOO e UGT esixímoslle ao Goberno que ratifique o Convenio 189 da OIT, sobre as traballadoras e os traballadores domésticos. De todas as traballadoras susceptibles de sufrir acoso sexual e acoso por razón de sexo, as máis expostas son as mulleres con peores condicións laborais. Coa implantación do teletraballo, aumentan os riscos para moitas traballadoras e, aínda que todas elas están expostas, estano especialmente as traballadoras do emprego do fogar.

UGT e CCOO reclamamos que se redobren os esforzos por parte do Goberno e do empresariado para o fomento do emprego e a mellora dos dereitos laborais e económicos das mulleres vítimas da violencia machista, en calquera das súas manifestacións.

O Programa de Inserción Sociolaboral para Vítimas de Violencia de Xénero, aprobado no 2008, apenas se desenvolveu. O último Informe Anual do Observatorio de Violencia contra a Muller, con datos do 2018, recolle 1075 contratos bonificados por violencia de xénero, o 78 % deles temporais. Ademais, no 2018 producíronse 313 contratos de substitución de vítimas de violencia de xénero, cun descenso do 18,5 % con respecto a 2017. Por outra parte, 104 mulleres vítimas de violencia suspenderon ou extinguiron o seu contrato de traballo en 2018. E 119 968 mulleres vítimas de violencia de xénero recibiron algún servizo dos servizos de emprego. No ano 2018, o número de mulleres vítimas de violencia de xénero que foron perceptoras da renda activa de inserción foi 28 982. Son cifras moi baixas con respecto ao total de vítimas de violencias machistas, indicativo dunha serie de barreiras culturais, sociais e económicas ou doutro tipo, que fan que as mulleres en situación de violencia machista apenas fagan uso dos seus dereitos socioeconómicos.

CCOO e UGT demandamos coñecer a cobertura e implementación deste Programa de Inserción Sociolaboral, para contribuír á súa mellora e eficacia desde o diálogo social.

Por todo isto, CCOO e UGT

? Instamos o Goberno central e os Gobernos autonómicos e locais a que dediquen recursos e garantan servizos de prevención e de atención integral ás vítimas de violencias machistas, atendendo ás necesidades que xorden derivadas das circunstancias da pandemia.

? Demandámoslles aos distintos gobernos, autoridades e organismos europeos e internacionais, e de maneira especial ao Goberno central, que atendan os compromisos do Convenio de Istambul (2011), así como os obxectivos da Axenda 2030 das Nacións Unidas que sitúan a igualdade de xénero e o apoderamento de mulleres e nenas no centro do desenvolvemento sostible, para o que se require garantirlles o dereito a unha vida libre de violencias machistas. E reclamamos ao Goberno a urxente ratificación dos Convenios 189 e 190 da OIT.

? Esiximos tolerancia cero contra as violencias machistas e sumámonos á loita pola erradicación de todo tipo de condutas violentas contra as mulleres, pola mellora dos seus dereitos e da súa protección, entendendo que pola nosa actuación no ámbito laboral debemos denunciar e participar activamente na prevención e protección fronte ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo no traballo.

? Reclamamos que se actúe coa maior celeridade posible sobre as causas, en especial sobre a desigualdade e discriminacións por razón de sexo, porque a mellor loita contra a violencia é impedir que se produza.
UGT e CCOO reafirmamos o noso compromiso con:

* A acción sindical, a formación e a sensibilización para alcanzar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes no ámbito laboral.
* A inclusión de protocolos de actuación nas empresas, fronte a casos de acoso sexual e acoso por razón de sexo.
* A atención xurídica ás vítimas de acoso sexual e acoso por razón de sexo no ámbito laboral.
* A negociación colectiva con medidas de acción positiva, os plans de igualdade para difundir e mellorar os dereitos laborais e a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
* A nosa colaboración e actuación coas organizacións competentes (Administracións públicas, asociacións de mulleres, etc.) para erradicar todo tipo de violencia contra as mulleres.


COMISIÓNS OBREIRAS e a UNIÓN XERAL DE TRABALLADORES sumámonos ao minuto de silencio polas vítimas, convocado pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, o día 25 de novembro ás 12 h da mañá.

Tendo en conta o contexto de crise sanitaria en que nos atopamos, e ante a imposibilidade de levar a cabo grandes concentracións, coma en anos anteriores, este minuto é a mellor maneira de visibilizar publicamente o compromiso e o apoio de todas as institucións e da sociedade española coas vítimas e unha forma de reparación moral e simbólica delas.

Quizais non poidamos manifestalo nas rúas coma en anos anteriores, pero seguiremos expresando o noso rotundo rexeitamento e condena nas manifestacións virtuais e, fundamentalmente, traballaremos por erradicar estas violencias contra as mulleres, combatendo as súas causas e manifestacións.