Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO denuncia dispendio de recursos públicos no INEGA, con encomendas de xestión que superan o medio millón de euros

    A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO de Galicia denuncia o dispendio de recursos públicos no Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) a través de encomendas de xestión «fraudulentas» que superan o medio millón de euros. O sindicato lembra que o Consello de Contas recomenda non empregar este sistema de contratación de servizos como medio recorrente para suplir as carencias de persoal propio.

    11/05/2021.
    Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

    Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

    No caso do INEGA, as encomendas de xestión empregan a 15 persoas, que case equivalen á metade das traballadoras e traballadores públicos con que conta o organismo público (33).

    Segundo CCOO, estas encomendas de xestión son todas a través de TRAGSA e ascenden a 528.619,08 euros, cun custo medio por traballador ou traballadora de 35.241,27 euros. Desagréganse do seguinte xeito:

    — Plan renove de electrodomésticos (antes facíase con persoal propio). Sete persoas durante cinco meses. Custo: 74.962,06 euros.

    — Desenvolvemento e mantemento de aplicacións para a xestión de axudas. Catro persoas durante todo o ano. Custo: 173.598,74 euros.

    — Control de certificacións enerxéticas de vivendas e aplicacións asociadas. Tres persoas durante todo o ano. Custo: 109.467,06 euros.

    — Plan de axudas para a adquisición de vehículos (antes facíase con persoal propio). Tres persoas durante todo o ano. Custo: 75.546,66 euros.

    — Apoio técnico para o desenvolvemento da Axenda Galega de Transición Enerxética 2021-2030. Dúas persoas. Custo: 95.044,56 euros.

    Para a FSC-CCOO, estas prácticas demostran que o Goberno de Feijóo continúa «impulsando a súa propia Administración paralela», para o que se está a malgastar unha «inxente» cantidade de recursos públicos en prestar un peor servizo. Segundo o sindicato, se a Xunta de Galicia aumentase o persoal propio dos entes públicos, poderíase dar un servizo de maior calidade.

    Por esta razón, CCOO pide a paralización das encomendas «fraudulentas» que obedecen a tarefas estruturais, e que os traballos correspondentes se asuman con persoal propio. O cadro de persoal necesario deberá ser incluído na primeira oferta pública de emprego.

    Por último, o sindicato esixe negociar os criterios para regular as encomendas de xestión que obedezan «exclusivamente a traballos conxunturais que non poida facer persoal propio da Xunta».