Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

O comité de Navantia reuniuse coa subdelegada do Goberno na Coruña

    Membros dos comités de empresa de Navantia en Fene e Ferrol concentráronse esta mañá diante da Delegación do Goberno en Galicia. Ante a imposibilidade de que os recibise o delegado, José Miñones, foron recibidos por Pilar Riobóo na Subdelegación da Coruña.

    05/05/2021.
    Concentración dos comités de Navantia Fene e Ferrol diante da Delegación do Goberno en Galicia (5/5/2021)

    Concentración dos comités de Navantia Fene e Ferrol diante da Delegación do Goberno en Galicia (5/5/2021)

    Segundo o presidente do comité de Navantia Ferrol, Emilio García Juanatey, os sindicalistas transmitíronlle á subdelegada a «situación crítica» da construción naval na cidade departamental, «porque o último buque que nos queda en construción parte para Australia o 20 de maio».

    Isto, sumado a que a situación de carga de traballo nas empresas auxiliares é «a máis baixa en moito tempo», debuxa un escenario incerto. «Hai traballo en Fene, pero a partir do 20 de maio quedamos sen nada en Ferrol», ata que no prazo duns catorce meses comece a construción das fragatas F-110.

    Os representantes sindicais pedíronlle a Riobóo que transmita as peticións de carga de traballo tanto ao Ministerio de Defensa como ao Goberno de España. Así mesmo, Juanatey fixo un breve repaso da «dramática» situación para a industria na comarca, cos peches de Gamesa, a térmica de Endesa nas Pontes ou o máis recente de Cándido Hermida, «cuxo persoal ten convocada folga para mañá, 6 de maio».