Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Abril 2024.

O persoal de Viaqua comezou hoxe as mobilizacións en defensa do seu convenio

    Os traballadores e traballadoras de Viaqua comezaron hoxe en Pontevedra as mobilizacións en defensa do seu convenio, de ámbito autonómico. As protestas continuarán os próximos días en Fene, Ourense e Santiago de Compostela. Desde a Federación de Construción e Servizos de CCOO critican a «falta de vontade negociadora» por parte da empresa que, pasados dous meses, aínda non respondeu á última proposta sindical.

    04/05/2021.
    Protesta en Pontevedra polo convenio de Viaqua (4/5/2021)

    Protesta en Pontevedra polo convenio de Viaqua (4/5/2021)

    As negociacións do convenio de Viaqua comezaron o 22 de xaneiro do ano pasado. Nese período houbo dez reunións, nas que o comité «fixo todo o posible» por lograr un texto «xusto», mesmo variando a plataforma reivindicativa para achegar posicións.

    Porén, a patronal «amosou desde o comezo unha actitude insensible» e ata presentou unha proposta que deixaría varias categorías profesionais con soldos inferiores ao convenio estatal.

    Se Viaqua non muda de actitude, despois desta semana de mobilizacións non se descarta a convocatoria dunha folga, advirte CCOO.

    Próximas mobilizacións

     — 6 de maio: ás 12:30 horas diante do Concello de Fene

     — 10 de maio: ás 12:30 na praza Maior de Ourense

     — 11 de maio: ás 12:30 na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela