Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

Ramón Sarmiento: «Vai ser vital o esforzo e capacidade de mobilización dos sindicatos, porque non é certo que todos queiran unha saída xusta á crise»

    Milleiros de traballadores e traballadoras saíron ás rúas en toda Galicia para esixir unha saída socialmente xusta á crise. Neste 1.º de Maio, lembráronlle ao Goberno de España que «agora toca cumprir» coa clase obreira. Fixérono en manifestacións e concentracións na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Viveiro, Lugo, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo.

    01/05/2021.
    Manifestación do 1.º de Maio en Vigo

    Manifestación do 1.º de Maio en Vigo

    Na súa intervención ao remate da manifestación de Vigo, o secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, recoñeceu que o último ano foi moi complicado para toda a sociedade, polo que é «máis necesario ca nunca» que o Executivo central cumpra co seu programa de goberno. «Hai que facer reformas atendendo as demandas da maioría social», abundou.

    O dirixente sindical chamou a sentar unhas bases distintas para a saída da crise e alertou de que, se dos poderes económicos depende, non será así. «Non é verdade que todos queiran unha saída xusta e que non haxa desemprego», advertiu.

    Neste contexto, Sarmiento proclamou que este 1.º de Maio «é un día de expresión de dignidade» da clase traballadora, que deberá seguir mobilizándose proximamente. Ante as ameazas do poder económico, «vai ser vital o esforzo e capacidade de mobilización dos sindicatos», e apelou a que isto se faga en unidade de acción. «Non son tempos para andar cada un polo seu lado; son tempos de unión, xogamos todo neste momento», apuntou.