Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

O sector ferroviario de CCOO trasládalle ao Grupo Parlamentario Socialista as súas propostas para mellorar o ferrocarril público

  • Neste Ano Europeo do Ferrocarril, Galicia «non pode ser allea» á aposta por este medio de transporte

O sector ferroviario de CCOO trasladoulle hoxe ao Grupo Parlamentario Socialista, representado pola deputada Patricia Otero, as súas propostas para mellorar o ferrocarril público. Desde o sindicato salientaron que a Comisión Europea declarou o 2021 Ano Europeo do Ferrocarril, o que debe significar unha «forte aposta» por este medio de transporte, feito ao que Galicia «non pode ser allea».

28/04/2021.
A deputada Patricia Otero amosouse receptiva ás propostas formuladas por CCOO

A deputada Patricia Otero amosouse receptiva ás propostas formuladas por CCOO

Otero, voceira do Grupo Socialista en materia de infraestruturas, amosouse receptiva ás demandas formuladas por Comisións Obreiras neste encontro e comprometeuse a facelas chegar ao Congreso dos Deputados e Deputadas e ao Senado.

Reactivar o ferrocarril

Segundo CCOO, cómpre «reactivar e mellorar» os servizos ferroviarios en Galicia, para o que se precisa contar coa cooperación das distintas Administracións con influencia no ámbito territorial. «Xunta e Estado deben comprometerse a definir un modelo ferroviario útil e eficaz, integrado nunha rede de transporte que vertebre o noso territorio e atenda as necesidades da poboación e das empresas», defende o sindicato.

O transporte ferroviario está cualificado como obriga de servizo público e vincúlase a directrices europeas que establecen regras comúns aos Estados coas que garantir servizos de interese xeral en condicións de frecuencia, calidade e prezo «que o mercado non está disposto a prestar», apuntan desde CCOO.

Cinco liñas de actuación

O sector ferroviario de CCOO considera o ferrocarril un medio de transporte «fundamental» para o progreso de Galicia, polo que insta as Administracións públicas a «apostaren con decisión» por el. Neste sentido, o sindicato propón cinco liñas de actuación: deseñar un modelo de rede de proximidade progresivo para atender núcleos de poboación urbanos e interurbanos; fomentar a intermodalidade de frecuencias e horarios con outros modos de transporte; investir na mellora do ferrocarril convencional e nas liñas de ancho métrico; articular un servizo tarifario integrado, e potenciar o Eixe Atlántico ferroviario con Portugal.