Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO lamenta que a sinistralidade laboral estea «moi arraigada» no tecido produtivo galego

  • Malia a parálise da actividade por mor da pandemia, o número de accidentes mortais en 2020 case non variou respecto do ano anterior: só dúas vítimas mortais menos

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) presentou hoxe un detallado estudo da sinistralidade laboral no país durante o ano 2020 e o impacto da covid-19. Segundo Roi Fernández, secretario de Saúde Laboral de CCOO, a irrupción do coronavirus provocou o «colapso» da atención sanitaria e a paralización do tecido produtivo. «Quedaron en evidencia moitas eivas do noso sistema», entre elas a prevención de riscos laborais no mercado de traballo, lamentou.

23/04/2021.
O secretario de Saúde Laboral de CCOO, Roi Fernández, durante a presentación do informe

O secretario de Saúde Laboral de CCOO, Roi Fernández, durante a presentación do informe

A paralización da actividade no 2020 traduciuse nun «descenso notable» do número de accidentes de traballo, pero con disfuncións: a diminución foi moito menor nos leves ca nos graves e mortais. «Algo está a fallar», denunciou o sindicalista.

O avance das estatísticas de accidentes de traballo que publicou o Instituto Galego de Seguridade e Saúde no Traballo (ISSGA) revela que no 2020 houbo na comunidade autónoma 24 511 accidentes de traballo con baixa. Deste total, o 90,99 % ocorreron en xornada laboral (22 302 accidentes) e o 9,01 % restante no desprazamento do domicilio ao centro de traballo ou viceversa (2209 accidentes). En relación co ano anterior, os accidentes de traballo con baixa en xornada laboral diminuíron un 24,45 % e os accidentes in itinere, un 29,27 %.

Con relación ao ano anterior, houbo un 24,45 % menos de accidentes con baixa en xornada laboral (7216). Como se indicou, o maior descenso rexistrouse nos leves (24,56 %), seguido dos graves (19,62 %), mentres que a sinistralidade mortal case non variou desde o ano anterior, pois pasaron de 54 a 52 (dúas mortes menos, unha diminución do 3,7 %). Isto indica «que a sinistralidade está moi arraigada no noso tecido produtivo», lamentou Fernández.

Sinistralidade e precariedade

Segundo as estatísticas do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, Galicia rexistrou un índice de incidencia de 5,31 accidentes mortais por cada cen mil traballadores/as, mentres que a proporción na media do Estado foi de 3,27. Na clasificación por comunidades autónomas, a galega é a cuarta co maior índice de accidentes mortais.

Os traballadores e traballadoras con menos antigüidade no seu posto traballo teñen máis probabilidades de sufriren un accidente en xornada laboral. Un dato revelador disto é que o 18,57 % dos accidentes con baixa en xornada laboral rexistrados no 2020 sufríronos persoas que tiñan unha antigüidade inferior a tres meses no seu posto de traballo, porcentaxe moi elevada en relación coa poboación asalariada exposta a esa situación, que supón o 4,22 %.

As persoas con contrato temporal tamén corren máis riscos de ter un accidente ca as que teñen unha relación estable: no 2020, sufriron o 40,78 % dos accidentes con baixa en xornada laboral de persoal asalariado; esa porcentaxe queda moi por riba da representación deste colectivo no emprego por conta allea, que é un 24 %.

Enfermidades profesionais

O secretario de Saúde Laboral de CCOO tamén criticou o «escaso» recoñecemento de enfermidades profesionais no noso país. No 2020 caeu considerablemente o recoñecemento destas patoloxías. Para CCOO, é preciso detectar a totalidade das enfermidades que teñen a súa orixe no traballo, «xa que esta é a base para traballar en prevención», apuntou.

No 2020 comunicáronse 1323, un 20,92 % inferior ao recoñecemento no 2019. Do total de enfermidades profesionais recoñecidas, o 60,17 % foron con baixa laboral. Mención á parte merece o subrexistro das enfermidades profesionais causadas por axentes carcinóxenos (grupo VI): catro partes no 2020.

No que respecta á clasificación por grupo nas enfermidades profesionais, as causadas por axentes físicos seguen sendo as maioritarias co 80,5 % dos partes comunicados. Por sectores, a industria ocupa o 50,26 %, seguido polos servizos cun 38,47 %.

En opinión de Roi Fernández, é preciso revisar os criterios de recoñecemento de accidentes de traballo por covid-19, que tivo un grande impacto na sociedade polo enorme número de persoas contaxiadas; porén, só 9858 casos no Estado e 92 en Galicia se recoñeceron como accidentes de traballo por esta patoloxía. «É unha inxustiza que temos que corrixir», concluíu.