Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Galicia mobilizouse unha vez máis en defensa da súa sanidade pública

    A Plataforma SOS Sanidade Pública, da que forma parte CCOO, convocou mobilizacións en varias localidades galegas o mércores, día 21 de abril, a prol da recuperación do sistema sanitario público tras a pandemia. Nun manifesto, a plataforma denuncia «a utilización política e partidista» da covid-19 por parte do Goberno galego, que «aproveita o traballo realizado polo persoal da sanidade pública no seu beneficio político».

    22/04/2021.
    Concentración en defensa da sanidade pública (A Coruña, 21-4-2021)

    Concentración en defensa da sanidade pública (A Coruña, 21-4-2021)

    Galicia tivo que enfrontarse á pandemia cunha atención primaria «debilitada e deteriorada polos gobernos do PP», sen abondos recursos humanos, materiais e organizativos, o que «limitou a súa capacidade» para asumir as novas funcións a que obrigou a crise sanitaria.

    Os centros de saúde e especialidades hospitalarias suspenderon consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas para centrarse na covid-19, sen posibilidade de dedicarse a outras doenzas que tamén prexudican a poboación. A isto engadiuse a dificultade mesma para se comunicar cos centros sanitarios, o que favoreceu o recurso ao sector privado e o incremento das desigualdades no acceso á atención sanitaria.

    Segundo SOS Sanidade, recuperar a consulta presencial e a actividade normal dos centros de saúde non debe supoñer volver á situación anterior de masificación e medicalizacion da atención primaria.

    Modificación da Lei de saúde

    SOS Sanidade tamén reprocha que a Xunta se aproveitou da alarma social para modificar, por segunda vez, a Lei galega de saúde, «coa finalidade de recortar dereitos e liberdades cívicas fundamentais de xeito inconstitucional». Para a plataforma, o apoio social á loita contra a covid-19 debe basearse «no acordo e colaboración da poboación, e non no temor a unhas sancións represivas e desproporcionadas».