Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Abril 2024.

CCOO pide planificar axeitadamente os investimentos nos sectores estratéxicos para Galicia

    O secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, pide planificar axeitadamente os investimentos nos sectores estratéxicos para Galicia e orientar os fondos europeos Next Generation a facer unha aposta desde o sector público. Así o expresou o dirixente sindical nunha entrevista concedida este luns a Radio Vigo-Cadena Ser.

    20/04/2021.
    Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO

    Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO

    En opinión de Sarmiento, o termo «estratéxico» asociado a sectores como a automoción ou o naval «levámolo escoitando moitos anos», pero debe ir «acompañado non só de medidas e apoios, senón dunha política industrial real». Avogou por que se incorporen —segundo o caso— ao proceso de transición enerxética e ao novo concepto de mobilidade.

    Canto aos fondos europeos, Sarmiento lamentou que aínda exista «indefinición» por parte das Administracións sobre os proxectos susceptibles de financiamento e cales son as «apostas estratéxicas».

    En opinión do secretario xeral de CCOO, «cómpre ir máis aló» dunha simple recompilación das propostas achegadas polas empresas. «A aposta hai que socializala, dirixila desde o público e identificar as oportunidades, que na nosa situación están ao redor de sectores que xa temos, algúns deles nunha situación moi comprometida e que precisan dese papel da Administración».

    Situación do naval

    No caso do sector naval, Sarmiento amosou «preocupación» pola súa situación. Lamentou que nas últimas décadas non houbese unha estratexia sectorial e que cada empresa tente atopar solucións pola súa conta. «Temos seis gradas, oito varadoiros e un dique flotante que precisan un plan estratéxico», reclamou o secretario xeral de CCOO.

    Automóbil e planta de baterías

    Canto á automoción, o dirixente sindical aplaudiu que todo o sector do automóbil se unira «na aposta polo coche eléctrico». Ademais, reclamou unha planta de baterías de Galicia, pero advertiu de que a súa localización debe planificarse para que «dea servizo ao conxunto do sector», rexeitando que se «converta nunha poxa que non sería boa nin para o sector, nin para o país».

    O papel da Administración pública

    En opinión do secretario xeral de CCOO, o país debe tomar a dianteira para resolver os desafíos que ten no horizonte. «Galicia necesita atreverse a acometer o seu cambio de modelo produtivo», expresou.

    De cara ao futuro, «temos vimbios moi solventes para facer da transición tecnolóxica, ecolóxica e demográfica unha oportunidade para o noso territorio», apuntou Sarmiento, ao tempo que instou a Administración a ter iniciativa e «ser promotora» de proxectos, pois «non se pode limitar a ser receptora de distintas iniciativas privadas».

    Audios asociados

    Entrevista a Ramón Sarmiento en Radio Vigo - Cadena Ser (luns, 19 de abril de 2021)