Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

As Administracións deixaron sen gastar case corenta millóns de euros na contratación pública, segundo un informe de CCOO

  • Galicia é a terceira comunidade autónoma con máis contratos públicos, en total 1058, adxudicados por 221,5 millóns de euros

Durante o an 2020, as Administracións públicas galegas deixaron sen gastar case corenta millóns de euros nas diferentes licitacións, segundo o Observatorio sectorial de la contratación pública, informe elaborado pola Federación estatal de Construción e Servizos de CCOO e presentado hoxe. Conforme aos datos revisados a 12 de marzo deste ano, en Galicia licitáronse 1058 contratos por un importe inicial de 258,87 millóns de euros, finalmente adxudicados por 221,5, un aforro de 37,37 millóns.

19/04/2021.
De esq. a der., Daniel Barragán, Alejandra Gesto e Sergio López, na presentación do informe

De esq. a der., Daniel Barragán, Alejandra Gesto e Sergio López, na presentación do informe

Do total de orzamento público non gastado debido a esta minoración do prezo, a maior parte (72,78 %) concéntrase nas obras de construción (27,2 millóns). A seguir sitúanse a axuda no fogar (2,8) e os servizos de limpeza (2,7).

Para a Federación de Construción e Servizos de CCOO, trátase de cantidades «impactantes», e alerta de que a redución non sempre se debe a criterios de eficiencia, senón «á preponderancia do criterio económico, equiparando a oferta máis baixa como a máis conveniente».

O sindicato leva moito tempo seguindo moi de preto os contratos públicos na comunidade autónoma e denunciando adxudicacións cunha minoración económica tan grande que compromete a propia prestación do servizo ou as condicións laborais reguladas en convenio. Recentemente, o Tribunal de Contratación Pública de Galicia (TACGal) paralizou a licitación do servizo de atención e limpeza dos albergues do Camiño de Santiago tras detectar CCOO eivas nos pregos de contratación.

Terceira comunidade con máis contratos públicos

Segundo o estudo presentado hoxe por CCOO, Galicia é a terceira comunidade autónoma con máis contratos públicos, en total 1058. O groso da contratación pública recae nas entidades locais: catro de cada cinco procedementos e sete de cada dez euros.

O servizo de axuda no fogar, moi relevante nun territorio cunha poboación avellentada e gran dispersión, é a segunda actividade en investimento, concentrando o 19 % dos importes adxudicados en contrato público (42 millóns), xusto tras as obras de construción, rehabilitación e mantemento de edificios e infraestruturas (144). En terceiro lugar aparecen as actividades de limpeza (13 millóns), a seguridade privada (8) e actividades do máis variado —xardinaría, recollida e xestión de residuos, etc.