Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2024.

SOS Sanidade Pública convoca mobilizacións para o 21 de abril

  • Pola recuperación do sistema sanitario público tras a pandemia

A Plataforma SOS Sanidade Pública, da que forma parte CCOO, convoca mobilizacións en varias localidades galegas o vindeiro mércores, día 21 de abril, a prol da recuperación do sistema sanitario público tras a pandemia. Nun manifesto, a plataforma denuncia «a utilización política e partidista» da covid-19 por parte do Goberno galego, que «aproveita o traballo realizado polo persoal da sanidade pública no seu beneficio político».

14/04/2021.
Manifestación SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela (9-2-2020)

Manifestación SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela (9-2-2020)

Galicia tivo que enfrontarse á pandemia cunha atención primaria «debilitada e deteriorada polos gobernos do PP», sen abondos recursos humanos, materiais e organizativos, o que «limitou a súa capacidade» para asumir as novas funcións a que obrigou a crise sanitaria.

Os centros de saúde e especialidades hospitalarias suspenderon consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas para centrarse na covid-19, sen posibilidade de dedicarse a outras doenzas que tamén prexudican a poboación. A isto engadiuse a dificultade mesma para se comunicar cos centros sanitarios, o que favoreceu o recurso ao sector privado e o incremento das desigualdades no acceso á atención sanitaria.

Segundo SOS Sanidade, recuperar a consulta presencial e a actividade normal dos centros de saúde non debe supoñer volver á situación anterior de masificación e medicalizacion da atención primaria.

Modificación da Lei de saúde

SOS Sanidade tamén reprocha que a Xunta se aproveitou da alarma social para modificar, por segunda vez, a Lei galega de saúde, «coa finalidade de recortar dereitos e liberdades cívicas fundamentais de xeito inconstitucional». Para a plataforma, o apoio social á loita contra a covid-19 debe basearse «no acordo e colaboración da poboación, e non no temor a unhas sancións represivas e desproporcionadas».

Mobilizacións

Polo momento están confirmadas as seguintes mobilizacións. Podes obter máis información contactando coa Plataforma SOS Sanidade Pública na túa comarca.

— A Coruña: ás 20:00, no Obelisco

— Cee: ás 20:00, na praza do 8 de Marzo

— Ferrol: ás 20:00 na praza de España

— Santiago de Compostela: ás 20:00, na praza do Obradoiro

— Ribeira: ás 20:00, diante da Casa do Concello

— Rianxo: ás 20:00, diante do centro de saúde

— Burela: ás 20:00 na praza do Concello

— Lugo: ás 20:00, diante do edificio da Xunta

— Ourense: ás 20:00 diante do edificio de hospitalización do CHUO

— Pontevedra: ás 20:00 na praza da Peregrina

— Poio: ás 20:00 diante do Concello

— Marín: ás 20:00, na Alameda

— Cangas do Morrazo: ás 20:00, no Concello

— Bueu: ás 20:00, no Concello

— Vilagarcía de Arousa: ás 20:00 diante do centro de saúde

— Nigrán: ás 20:00 na alameda da Ramallosa

— Vigo: ás 20:00, no MARCO

— A Guarda: ás 20:00, na praza de Avelino Vicente