Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO e UGT convocan novas mobilizacións o 12 de abril para que o Goberno cumpra

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia convocan mobilizacións en todas as cidades galegas o próximo luns, 12 de abril. O obxectivo das protestas é lembrarlle ao Goberno de España que “Agora SI toca” cumprir co prometido no seu programa; en concreto, derrogar a reforma laboral, derrogar a reforma das pensións de 2013 e revalorizar o salario mínimo interprofesional (smi) ata o 60 % do salario medio ao remate da lexislatura.

    09/04/2021.
    Agora si toca

    Agora si toca

    As concentracións do 12 de abril son a continuación dun proceso de mobilización iniciado en febreiro co propósito de sentar as bases dunha saída á crise, xusta, solidaria e que xere unha sociedade mellor. Para os dous sindicatos, non é viable construír unha sociedade máis xusta se a recuperación económica asenta sobre a reforma laboral do 2012 e a das pensións do 2013, ambas as dúas impostas polo Goberno de Mariano Rajoy.

    As ditas reformas lograron o seu obxectivo, que era desvalorizar os salarios, as condicións de traballo e os dereitos da clase traballadora. Cómpre devolver o equilibrio ás relacións laborais, de xeito que as empresas non teñan a última palabra. Do contrario, asegúrase un escenario post-covid sen case atranco ningún para acometer axustes de emprego pola simple caída dos beneficios económicos, que non é o mesmo que a entrada en perdas.

    Urximos o Goberno a que cumpra os seus compromisos e retome a axenda sociolaboral, paralizada desde o mes de marzo de 2020, á marxe de cuestións puntuais como os acordos sobre os erte. Para UGT e CCOO, é preciso poñerse xa a traballar neste sentido, e amosan a súa preocupación por que sexa parte do Executivo estatal o que use o argumento de que agora non toca.

    É especialmente urxente a suba do smi, porque afecta a moitas persoas traballadoras ás que todas e todos aplaudimos durante a pandemia, como as dos coidados e da limpeza, que ademais son sectores moi feminizados; e porque son moitas as galegas e galegos cuxos ingresos practicamente se destinan só a sobrevivir.

    Concentracións

    — A Coruña: ás 12 horas, na praza de Ourense 11 (fronte á Delegación do Goberno en Galicia)

    — Ferrol: ás 12:00, na praza de Camilo José Cela (fronte ao edificio da Xunta de Galicia)

    — Santiago de Compostela: ás 12:00, na praza das Praterías

    — Lugo: ás 11:00, na rúa de Armanyà, 10 (fronte á Subdelegación do Goberno de Lugo)

    — Ourense: ás 12:00, na rúa do Parque de San Lázaro, 3 (fronte á Subdelegación do Goberno de Ourense)

    — Vigo: ás 12:00, no farol de Urzáiz

    Pontevedra: ás 12:00, na praza de España, 1 (fronte á Subdelegación do Goberno de Pontevedra). Acudirán os secretarios xerais de UGT e CCOO