Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2024.

CCOO-Industria rexeita o ERTE anunciado por Repsol para a refinaría da Coruña

    A Federación de Industria de CCOO rexeita a regulación de emprego anunciada por Repsol Petróleo para a refinaría da Coruña. Esta mañá, a dirección da empresa notificoulle á representación legal das traballadoras o inicio do procedemento establecido para os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE). A previsión inicial é que afecte durante seis meses a 212 persoas, case un terzo do cadro de persoal.

    08/04/2021.
    Instalacións da refinaría da Coruña | Foto: Repsol.es

    Instalacións da refinaría da Coruña | Foto: Repsol.es

    Segundo Repsol, o ERTE é necesario para reducir a actividade produtiva e, con ela, os custos operativos, dado o actual contexto de caída de prezos dos hidrocarburos e a forte contracción da demanda interna e externa.

    CCOO-Industria é consciente do contexto económico, pero non entende a adopción da medida contra un persoal que en cuestión dun ano pasou de ser considerado «esencial» (mesmo acudía ao seu posto de traballo sen os protocolos sanitarios adecuados nos primeiros momentos da pandemia) a «prescindible».

    Para CCOO, a redución dos custos fixos laborais «queda moi lonxe» de ser a solución aos actuais problemas de Repsol Petróleo. «Dificilmente unha parte tan pequena do problema como os custos laborais pode ser unha parte significativa da solución, polo que consideramos inxusta a medida», incide o sindicato.

    Por último, CCOO-Industria repróchalle a Repsol Petróleo a «falta de empatía» co seu «principal activo, as traballadoras e traballadores».