Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Javier González Castro, elixido novo secretario xeral de CCOO-Sanidade

    A Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de CCOO de Galicia elixiu a Javier González Castro secretario xeral do sindicato para os vindeiros catro anos. Durante o 9.º Congreso, celebrado os días 7 e 8 abril, os 55 delegados e delegadas con dereito a voto referendaron a candidatura única co 98 % do total dos votos.

    09/04/2021.
    De esquerda a dereita, Elena Rey, Víctor Caruncho, Marisol López, Javier González, Luz Fernández, María José Diéguez e Ana Belén Puga

    De esquerda a dereita, Elena Rey, Víctor Caruncho, Marisol López, Javier González, Luz Fernández, María José Diéguez e Ana Belén Puga

    O novo secretario xeral substitúe a Emilia Lamas, que dirixiu a Federación os dous últimos anos e decidiu non presentarse a un novo mandato.

    A Comisión Executiva que xestionará o sindicato no próximo cuadrienio estará formada por sete persoas: Javier González Castro, M.ª Luz Fernández Tuñas, Marisol López López, Víctor Caruncho Carreira, M.ª José Diéguez Beltrán, Elena Rey Díaz e Ana Belén Puga Belo.

    No discurso pronunciado tras ser elixido, Javier González resaltou o traballo e o compromiso dos delegados e delegadas de CCOO, especialmente durante os momentos máis duros da pandemia. Neste tempo, os liberados e liberadas de CCOO do sector sanitario «puxémonos axiña ao dispor do Sergas para volvermos ao labor asistencial», ao tempo que asesoraron e informaron os compañeiros e compañeiras no seus centros de traballo.

    O novo secretario xeral tamén salientou que, nos vindeiros anos, CCOO centrará os seus esforzos na recuperación dos dereitos dos traballadores e as traballadoras de todos os sectores sanitarios e na mellora e estabilización do emprego nos devanditos sectores.