Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

A «tímida» recuperación do emprego en marzo constrúese sobre a precariedade laboral, advirte CCOO

    Os datos publicados hoxe reflicten unha «tímida» recuperación do emprego, sinala CCOO. O paro rexistrado diminuíu en 4500 persoas no mes de marzo (-2,43 %), situando a cifra de persoas desempregadas en 180 719. Malia a aparente mellora en termos mensuais, na comparativa interanual ponse de manifesto a deterioración da situación nos últimos doce meses, cun aumento do paro do +3,58 %.

    06/04/2021.
    O 85% dos contratos asinados en marzo foron temporais

    O 85% dos contratos asinados en marzo foron temporais

    A situación da afiliación á Seguridade Social tampouco é boa, sinala a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza. Malia aumentar en media mensual en +4704 persoas, no último día de marzo derrubouse e o cómputo ficou en negativo ao restar 2485 (-0,21 %). Isto indica que nos derradeiros días do mes «non se mantivo o crecemento no emprego» e Galicia queda por baixo do millón de persoas afiliadas.

    Mellora conxuntural

    Para CCOO, a caída do desemprego é «puramente conxuntural» e atribúea ao alixeiramento das restricións pola proximidade da Semana Santa, xunto coas habituais contratacións de tempada ligadas a ela. Isto causou unha «certa recuperación da actividade» que se reflicte, sobre todo, nun incremento da contratación do +26,04 % en termos mensuais e do 10,89 % en termos interanuais.

    Créase emprego pero é «maiormente precario», lamenta Bouza. Dos 62 004 contratos rexistrados en marzo, 52 783 foron temporais. «Na mellor das hipóteses, este volume de contratos só serviu para crear 4704 empregos», sinala a dirixente sindical.

    A evolución sectorial do emprego amosa que estamos diante dunha «caída puramente conxuntural» do paro que precisa dunha acción decidida do Goberno galego para tornala en estrutural, de xeito que de cara ao verán «poidamos ver unha tendencia positiva na actividade e no emprego».

    Entre outras cousas, CCOO pide que se cumpra o plan de vacinación para lograr que o 70 % da poboación estea inmunizada ao final do verán. Tamén, apoiar os sectores produtivos máis aló dos directamente afectados pola pandemia. «Isto deberíanos permitir acadar o obxectivo, sempre que consigamos manternos nos parámetros sanitarios actuais», matiza Bouza.

    Análise por sexos e sectores

    O desemprego redúcese menos entre as mulleres (-1958 paradas) que entre os homes (-2550 desempregados), o que se traduce en que as galegas supoñen un 57,46 % do paro, un punto máis ca no mes de xaneiro. O paro baixa menos entre as persoas de menor idade (-441) que entre as de máis idade (-4068). Por sectores, diminúe en todos, pero de xeito especial nos servizos (-3580); séguenlle a construción (-465), o sector primario (-316) e a industria (-63). Tamén hai unha mingua no colectivo sen emprego anterior (-85).

    Análise da contratación

    En marzo rexistráronse en Galicia 62 004 contratos, dos cales 52 783 foron temporais; isto é, quince de cada cen contratos foron indefinidos. En termos mensuais, a contratación medra un 26,04 %, mentres que en termos anuais o incremento é dun 10,89 %.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, a afiliación media mensual sobe en +4704 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 998 733. Se a comparativa a facemos cos datos do último día de mes, a afiliación diminúe en -2485 persoas, quedando en 991 066 afiliados e afiliadas.

    Prestacións por desemprego

    En febreiro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 119 211 persoas; delas, 62 962 foron prestacións contributivas e 56 249, subsidios.

    Unha parte das prestacións contributivas seguen correspondendo ao mecanismo dos ERTE, garantía de mantemento de emprego acordado entre os axentes sociais e o Goberno central, que ao remate de marzo daba cobertura a 34 759 persoas (11 906 menos ca en febreiro). Por tipoloxía de expediente, 2867 en ETOP —causas económicas, técnicas, organizativas ou produtivas— (175 menos ca no mes anterior), 5956 de forza maior (-1312) e 25 936 nos de limitación ou impedimento (-10 419).