Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

O sector da carpintaría de Pontevedra iniciará mobilizacións o 7 de abril en defensa das condicións laborais

    Os sindicatos Comisións Obreiras (CCOO), UGT e CIG anuncian mobilizacións no sector da carpintaría da provincia de Pontevedra a partir do 7 de abril, en defensa das condicións laborais no ámbito. As protestas irán en aumento e non descartan chegar á folga se a situación non se reconduce. Tras seis reunións para renovar o convenio, os sindicatos denuncian que a patronal non ten interese en mellorar o seu contido e utiliza a covid-19 como desculpa, aínda que os datos revelan un escaso impacto da crise sanitaria neste sector.

    30/03/2021.
    Traballo nun obradoiro de carpintaría | Foto: Detmold (Pixabay)

    Traballo nun obradoiro de carpintaría | Foto: Detmold (Pixabay)

    Segundo a Federación de Construción e Servizos de CCOO, todo o proceso de negociación estivo «inzado de atrancos» pola actitude «obstrucionista» da parte empresarial, que mesmo chegou a paralizar as conversas entre outubro de 2020 e febreiro deste ano co pretexto da covid-19, malia que se podía continuar pola vía telemática.

    Retomadas as negociacións en febreiro, as conversas sufriron constantes retrocesos por parte da patronal, que na cuarta reunión presentou unha proposta que empeoraba o que xa estaba falado. Logo dunha pequena rectificación, na última reunión volveu recuar no capítulo das retribucións, ofrecendo un incremento lineal de 120 euros para o ano 2020 —sen consolidar nas táboas salariais— e un 1 % para o 2021 —aplicado sobre as táboas do 2019.

    A razón principal da patronal para xustificar a súa «insignificante» proposta é a covid-19, unha «pobre desculpa», xa que as empresas do sector da carpintaría «case non sofren os efectos da pandemia». De feito, moi poucas recorreron a ERTE ou ERE e, se o fixeron, foi moi ao comezo da crise sanitaria.

    A Federación de Construción e Servizos de CCOO lembra que a negociación deste convenio xa pasou por diferentes dificultades nos últimos anos, «con debates de fondo e en peores circunstancias», pero sempre se chegou a un acordo. Por este motivo, os sindicatos aínda entenden menos a posición «intransixente» da patronal, que chegou á última reunión cunha proposta «moito peor ca na segunda», o que interpretan como unha «clara falta de respecto» ao persoal.