Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2024.

CCOO chama a definir as oportunidades industriais de Galicia que se financiarán con fondos europeos

    Nunha entrevista concedida a RNE o pasado domingo, o secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, fixo un chamamento para definir as oportunidades industriais de Galicia que se han financiar cos fondos europeos para a reconstrución. Na súa opinión, cómpre «comezar a poñer sobre o mapa» as oportunidades que ten Galicia da man dos investimentos e préstamos europeos dos próximos seis anos. «Vai sendo hora de identificarmos esas oportunidades e de situármolas adecuadamente sobre o noso territorio», incidiu.

    15/03/2021.
    Ramón Sarmiento nos estudios de RNE en Santiago de Compostela

    Ramón Sarmiento nos estudios de RNE en Santiago de Compostela

    Segundo Sarmiento, tras décadas de decrecemento, a bisbarra de Ferrol debe ser unha das beneficiadas polos proxectos que se han financiar cos fondos europeos. Abundando nesta liña, sinalou que na comarca «temos identificadas» oportunidades de futuro.

    Para isto, destacou que a Xunta debe «liderar» a identificación de proxectos, así como de pemes e de grandes empresas ao redor das oportunidades que presenta o noso país. Pediu tamén «máis participación» das organizacións sindicais e a sociedade na determinación da «base sólida» sobre a que se reconstruirá o modelo produtivo.

    O secretario xeral de CCOO lanzou unha advertencia ante a posibilidade de que as multinacionais «acaparen» os proxectos. Sería «moi fácil» agardar a que as grandes firmas os soliciten, pero explicou que isto «sería un erro», porque as multinacionais xa teñen capacidade para tomar decisións de investimento desta magnitude sen teren que agardar polos fondos europeos.

    Proxectos de futuro

    Ante o proceso de reconstrución económica e social que terá lugar tras a pandemia, remarcou que o país ten unhas «razoables infraestruturas para ofertar ao sector industrial», pero Galicia non pode presentarse como un lugar «onde non hai capacidades de intervención para reverter as decisións das multinacionais». «Teñen que entender que detrás dos seus investimentos hai unha estratexia de país e unha aposta estrutural e non só conxuntural», abundou Sarmiento.

    O sindicalista tamén apelou a alcanzar un «consenso» ao redor da especialización produtiva das comarcas. Por exemplo, sinalou que Ferrol ten capacidade para converterse nun «polo de referencia» no ámbito da industria eólica mariña. Con todo, isto non será viable «mentres Galicia rexeite a posibilidade de dispor de parques no litoral».

    Situación de Alu Ibérica

    Ramón Sarmiento tamén se pronunciou sobre a situación que atravesa a planta coruñesa de Alu Ibérica. Na súa opinión, a venda «non foi unha solución» porque Alcoa atopou «o peor que había no mercado» para culminar o proceso de desmantelamento das factorías da Coruña e de Avilés. Isto sucedeu porque a multinacional estadounidense non quería «baixo ningún concepto» que as capacidades industriais acabasen en mans da súa competencia e así asegurarse a súa posición dominante no mercado mundial.

    O secretario xeral de CCOO amosou a súa confianza en que a Audiencia Nacional ratificará que á fronte de Alu Ibérica están «presuntos delincuentes» e que no desenvolvemento da venda «houbo elementos de estafa».

    Alcoa e a reforma laboral

    A entrevista rematou cunha análise sobre a situación do complexo de Alcoa en San Cibrao e do impacto da reforma laboral sobre o tecido industrial galego.

    Ramón Sarmiento sinalou que o 30 de abril —día marcado polo Goberno de España e a multinacional para culminar a venda— representa unha data «determinante» para a comarca da Mariña. Nesta liña, recalcou que as decisións que adopten as Administracións deben ter en conta que a produción de aluminio é «estratéxica» para o país.

    Segundo o secretario xeral de CCOO, «a orixe dos problemas» do noso sector industrial está ligado á reforma laboral, polo que cómpre derrogala. «Non podemos seguir sendo os parias de Europa», ofrecéndolles ás multinacionais «un país onde é rápido e sae barato pechar unha empresa».

    Audios asociados

    Entrevista a Ramón Sarmiento en RNE (14-3-2021)