Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

O sector Ferroviario de CCOO rexeita a desaparición dos trens hotel que conectan Galicia con Madrid e Barcelona

    O sector Ferroviario de CCOO de Galicia aprobou, no peche do seu congreso autonómico, unha resolución en que rexeita a decisión de Renfe de non recuperar as conexións nocturnas con Madrid e Barcelona que se prestaban mediante os trens hotel. Tras múltiples intentos de suprimilos, a empresa aproveita a crise da covid-19 para dar o peche definitivo a estes servizos. De confirmarse esta supresión, a perda de emprego en Galicia supoñería arredor de máis de cen postos de traballo, 46 deles directos, boa parte dos cales están actualmente en ERTE.

    09/03/2021.
    Gregorio Bermejo (segundo pola esquerda), reelixido coordinador do sector Ferroviario de CCOO de Galicia

    Gregorio Bermejo (segundo pola esquerda), reelixido coordinador do sector Ferroviario de CCOO de Galicia

    Gregorio Bermejo, reelixido como coordinador do sector Ferroviario de CCOO, salienta que estes servizos son «fundamentais» para Galicia e que moitas persoas optan por este sistema de transporte «por ser un medio menos agresivo» e representar un estilo de viaxe «máis tranquilo e respectuoso co medio ambiente».

    CCOO rexeita os criterios «economicistas» expostos por Renfe para adoptar estas medidas. En primeiro lugar, porque gran parte das perdas aducidas se deben á «mala xestión» da empresa, o que provoca un elevado número de incidencias e atrasos, obrigando a indemnizar as persoas afectadas. En segundo lugar, porque «debe haber unha aposta decidida» polo ferrocarril convencional, pola súa rendibilidade social, enerxética e climática.

    O sector Ferroviario coida que a Xunta de Galicia lle debe esixir ao Ministerio de Fomento o mantemento destes trens, cuxa perda van padecer «todas as capitais galegas». Desde CCOO instan as distintas Administracións e empresas públicas ferroviarias a que se inverta esta tendencia.