Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

A presión sindical facilita a consecución dun acordo polo emprego no ADIF

  • Crearanse máis de 1600 prazas mediante oferta pública e case medio milleiro máis de obra e servizo

O comité xeral de empresa —con maioría de CCOO— e o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) chegaron a un acordo para a creación de emprego. Isto permite desconvocar o calendario de mobilizacións, que se prolongaría durante un mes e prevía varias datas de folga.

25/02/2021.
Estación de tren de Santiago de Compostela

Estación de tren de Santiago de Compostela

Como principais puntos do acordo están unha oferta pública de emprego (OPE) para este ano, que se publicará antes do 31 de maio, de 667 prazas. Tamén, unha OPE extraordinaria de, polo menos, mil prazas, que se publicará antes do 15 de novembro.

Todas estas prazas orientaranse, fundamentalmente, a categorías de nivel operativo, sobre todo en mantemento, circulación, estacións e persoal administrativo, sen descoidar o resto de áreas.

Ademais, solicitarase a autorización para 400 contratos de obra e servizo, cubertos mediante a bolsa de emprego da OPE. Así mesmo, a dirección do ADIF solicitará autorización para outras 100 prazas ao amparo do RD 16/2019, antes do terceiro trimestre do ano que andamos.

CCOO considera «moi positivo e esperanzador» o acordo alcanzado, pois permitirá unha xeración de emprego como non se viu ata o momento, centrado mormente no persoal operativo para dar continuidade ás funcións dos traballadores e traballadoras da empresa pública nas áreas esenciais, co que se evita a súa externalización.