Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

CCOO, UGT, CIG e CSIF denuncian o bloqueo do convenio de sanidade privada de Pontevedra por parte da patronal

    Os sindicatos CCOO, UGT, CIG e CSIF denuncian que a negociación do convenio da sanidade privada da provincia de Pontevedra está nunha situación de bloqueo por culpa da última proposta da patronal. Lonxe de avanzar na negociación e recompensar o esforzo do persoal durante a pandemia, amosa unha «absoluta carencia de empatía e de respecto polos traballadores e traballadores do sector», lamentan.

    22/02/2021.
    Vithas, hospital privado de Vigo | Foto: Google

    Vithas, hospital privado de Vigo | Foto: Google

    A proposta da parte empresarial é un «claro retroceso» respecto do convenio vixente e resúmese en máis precariedade laboral e en empobrecemento para as traballadoras e os traballadores, pois nin sequera garante unha mellora salarial.

    O persoal da sanidade privada galega ten uns salarios dos máis baixos e das xornadas máis longas de todo o Estado. Padecen, ademais, unha elevada carga de traballo, moita eventualidade e amosan unha gran polivalencia.

    Se a patronal persiste nesta actitude, os sindicatos non descartan convocar mobilizacións nos centros de traballo e incluso folgas parciais.

    Resumo da proposta empresarial

    — Unha bolsa de 40 horas anuais que a patronal poderá utilizar a pracer, preavisando as traballadoras e traballadores con só 48 horas de antelación.

    — Contratos eventuais a tempo parcial aos que se lles pode pedir que traballen máis horas en momentos «puntuais»: cubrir vacacións, días de libre disposición, baixas médicas ou períodos de alta demanda.

    — Exención da obriga de contratar persoal con discapacidade.

    — Suba salariais do 0,25% e do 0,5%, condicionado a diferentes factores, como a taxa de desemprego ou o IPC positivo, entre outros.

    Ademais de recortar o convenio, a patronal négase a incluír as reivindicacións sindicais, nin sequera as que non representan custo económico, como os plans de igualdade, a prevención da violencia machista, a saúde laboral, unha nova clasificación profesional ou a concreción das funcións das categorías.