Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

CCOO denuncia que Quirónsalud Pontevedra non recoñece como continxencia profesional os contaxios de covid-19 do seu persoal

    A sección sindical de Comisións Obreiras (CCOO) denuncia que Quirónsalud de Pontevedra non recoñece como continxencia profesional os contaxios de covid-19 do seu persoal. Malia o elevado número de casos e que a maior parte se produciron desde xaneiro, a empresa teima en atribuílos a unha transmisión externa ou descoñecida.

    18/02/2021.
    Hospital Qiurónsalud Miguel Domínguez, en Pontevedra | Foto: Google Street View

    Hospital Qiurónsalud Miguel Domínguez, en Pontevedra | Foto: Google Street View

    Actualmente, nos centros de Quirónsalud Pontevedra —Hospital Miguel Domínguez e Instituto de Neuro-rehabilitación— hai máis de medio cento de casos de covid-19 confirmados, o 75 % deles desde o mes de xaneiro.

    Ante as reiteradas peticións de CCOO, a empresa responde con «continuas evasivas» e obrigando o persoal traballador a solicitar a baixa laboral ao seu médico ou médica de cabeceira por continxencias comúns, coa perda de coberturas e prestacións que isto ocasiona.

    Debido a que empresa nega que a transmisión se produza no ámbito laboral, o servizo de prevención de riscos non emite un informe en que conste que, no exercicio da súa profesión, o persoal traballador estivo exposto ao virus SARS-CoV-2. Deste xeito, os contaxios non se rexistran como contixencia profesional —enfermidade profesional.

    A sección sindical de CCOO censura a actitude dos responsables de Quirónsalud e lémbralles que houbo cambios lexislativos co obxectivo de recoñecer os contaxios de covid-19 como enfermidade profesional e xa antes como accidente de traballo. Isto fíxose para aumentar a protección do persoal sanitario no exercicio da súa profesión durante a situación de pandemia.

    Reforzar as medidas de prevención

    Doutra banda, na última reunión do comité de seguridade e saúde —que tivo lugar a pasada semana—, os delegados e delegadas de prevención de CCOO instaron a empresa a reforzar os mecanismos de protección e adoptar medidas concretas que eviten os contaxios, pois xulgaron «insuficientes» as actuais.

    Tamén esixiron que o servizo de prevención faga unha nova avaliación de riscos nos distintos centros e servizos que inclúa, pola súa vez, unha avaliación específica por posto e funcións do persoal traballador.

    Por último, a sección sindical de CCOO coida «prioritario» actualizar as avaliacións de risco e incluír un factor novo: a exposición e transmisión por aerosois. Esta actuación xa foi reclamada reiteradas veces ao servizo de prevención desde que se coñecen os primeiros casos positivos.