Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO, CIG e UGT anuncian mobilizacións contra a represión sindical en Alu Ibérica

  • Os secretarios xerais das tres organizacións dirixen unha carta á ministra de Industria
  • O persoal retomou a folga e as concentracións este xoves

Os sindicatos CCOO, CIG e UGT anuncian mobilizacións en Alu Ibérica contra a represión sindical. Tamén se dirixiron ao Ministerio de Industria para que convoque decontado a mesa industrial. Así o decidiron logo de reunírense o mércores, na Coruña, o comité de empresa e os secretarios xerais das tres organizacións, Ramón Sarmiento, Paulo Carril e José Antonio Gómez, respectivamente.

18/02/2021.
O secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, participou na concentración convocada pola reanudación da folga en Alu Ibérica

O secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, participou na concentración convocada pola reanudación da folga en Alu Ibérica

Os dirixentes sindicais amosaron a súa máis enérxica repulsa polo despedimento do presidente do comité de empresa de Alu Ibérica, doutros dous membros deste órgano e dun delegado sindical. En total, catro traballadores á rúa como medida de presión da empresa para tentar meter medo ao persoal e evitar calquera voz discrepante ante a execución do seu plan de desmantelamento da antiga Alcoa-A Coruña.

Concentración o 26 de febreiro

A primeira acción do proceso de mobilización unitario será a vindeira semana, o venres 26, cunha concentración diante da Audiencia Provincial da Coruña. Alí celebrarase o xuízo pola vulneración de dereitos sindicais durante a última folga en Alu Ibérica, entre decembro do ano pasado e xaneiro deste ano.

Diante da sede xudicial farase pública a convocatoria dunha gran mobilización para rexeitar as prácticas antisindicais de Alu Ibérica.

Carta á ministra de industria

Sarmiento, Carril e Gómez dirixiron unha carta á ministra de Industria, Reyes Maroto, solicitándolle a convocatoria da mesa ministerial de seguimento, que leva sen reunirse desde o pasado 25 de xuño. Na misiva, os dirixentes sindicais xustifican a convocatoria «urxente» da dita mesa para a «protección necesaria» da factoría, dos seus bens, do seu patrimonio e dos empregos.

Para os tres secretarios xerais, o despedimento de catro representantes sindicais é un chanzo máis na «espiral de violencia empresarial, que non procura outra cousa máis ca o desmantelamento da factoría», denuncian.

O persoal retoma a folga

Por último, as traballadoras e traballadores de Alu Ibérica decidiron en asemblea retomar a folga desde este xoves e protagonizaron unha concentración ás 17 horas diante da empresa, na que participou o secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Ramón Sarmiento.

O presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, en declaracións aos medios de comunicación, denunciou que ao comité de folga se lle impediu o acceso á planta, «desobedecendo a doutrina actual», segundo a cal ten que haber unha sentenza firme —ou que así o decida os persoal— para que deixen ser representantes sindicais.