Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

Mobilizacións en toda Galicia para esixir a suba do SMI, a derrogación das reformas laborais e a defensa das pensións

  • O secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, participou na concentración da Coruña xunta un cento de delegadas e delegados sindicais

CCOO e UGT convocaron mobilizacións na Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo para lembrarlle ao Goberno do Estado que «agora si toca» cumprir as súas promesas, principalmente a suba do salario mínimo, a derrogación das reformas laborais e a derrogación da reforma das pensións do 2013. Debido á situación sanitaria, as protestas desenvolvéronse cun número limitado de persoas participantes e garantindo a distancia entre elas.

11/02/2021.
Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO, na concentración da Coruña

Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO, na concentración da Coruña

O secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, participou canda o seu homólogo da UGT, José Antonio Gómez, na concentración da Coruña. Alí, xunta un cento de delegadas e delegados sindicais, pediu revalorizar o SMI ata situalo no 60 % do salario medio ao remate da lexislatura.

O secretario xeral de CCOO tamén pediu dar cabo das reformas laborais e da reforma das pensións, porque «impulsaron a desigualdade social no noso país, nun proceso de desvalorización dos salarios da clase traballadora, dos seus dereitos e das súas prestacións públicas».

Sarmiento insistiu en que «é necesario mobilizarse para que o actual Goberno cumpra o programa co que foi elixido, pero tamén co programa do Goberno de coalición, sen vetos da UE nin das patronais, que están instaladas no “agora non toca”, porque para elas nunca toca recuperar dereitos da maioría social do noso país».