Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

CCOO acolle con cautela os datos do paro de xaneiro e amosa «preocupación» polo impacto da situación sanitaria

  • Malia o descenso do paro rexistrado en 3603 persoas, a afiliación media mensual diminuíu en 9823, ao tempo que a precariedade continúa a ser a maior eiva do mercado laboral

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia acolle con cautela os datos do paro rexistrado do mes de xaneiro, que indican 3603 paradas e parados menos na comunidade autónoma, unha redución do 1,9 % que se sitúa na media estatal (1,96 %). Con todo, o volume de persoas desempregadas, en total 185 984, acada nun nivel moi superior ao de hai un ano (10,87 % máis). A prudencia do sindicato á hora de analizar os datos débese a que a caída do paro rexistrado non vai acompañada doutros indicadores positivos.

02/02/2021.
Maica Bouza, secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO

Maica Bouza, secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO

Por exemplo, a afiliación en media mensual cae en 9823 persoas (-0,98 %), malia que nas comparativas do último día do mes sobe en 3719. Así as cousas, faltan 7000 empregos para acadar o millón de persoas afiliadas «e estamos moi por baixo do nivel existente antes da crise de 2008», apunta a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza.

O dato máis preocupante é que a meirande parte da contratación segue a ser precaria: dos 60 479 contratos rexistrados en xaneiro, 54 249 «teñen data de caducidade», sinala Bouza. Ademais, o conxunto da contratación realizada (60 479) só serviu, «no mellor dos casos», para crear 3719 postos de traballo, «o que dá idea da intensa rotación no mercado laboral galego», apunta a sindicalista, que a cualifica como «a súa maior eiva».

A secretaria de Emprego de CCOO tamén amosa a súa preocupación polo impacto que a actual situación sanitaria pode ter sobre o mercado laboral galego a curto prazo, especialmente se for necesario adoptar medidas aínda máis restritivas.

Por esta razón, e dado que os ERTE demostraron ser unha boa ferramenta para conservar o emprego, desde CCOO pídese o mantemento das medidas destinadas a garantir o emprego nas actividades que se vexan paralizadas. Tamén, a posta en marcha doutras que se orienten á conciliación da vida laboral, familiar e persoal —polo peche de centros de atención sociosanitaria ou das corentenas forzosas— e para apoiar as persoas que carecen de ingresos.

Análise por sexos e sectores

O desemprego diminúe máis entre as mulleres (-1925 paradas menos) que entre os homes (-1670 desempregados menos), pero iso non evita que elas soporten o 56,6 % do desemprego galego. O paro redúcese menos entre as persoas de menor idade (cae en 663 persoas) que entre as maiores (2940 paradas menos). Por sectores, o desemprego redúcese en todos eles: industria (-579), servizos (-564), primario (-492) e construción (-359). Tamén diminúe no colectivo sen emprego anterior (-1609).

Análise da contratación

En xaneiro rexistráronse en Galicia 60 479 contratos, dos cales 54 249 foron temporais; isto é, só nove de cada cen contratos foron indefinidos. Ademais, en termos mensuais a contratación medra un 5,23 %, mentres que en termos anuais a caída é dun 29,56 %.

Afiliación á Seguridade Social

Canto á Seguridade Social, a afiliación en media mensual cae en 9823 persoas, mentres que en media anual se perden 14 168 postos de traballo, o que fixa o número de persoas traballadoras afiliadas en 992 238. Se a comparativa a facemos cos datos do último día de mes, a afiliación medra en 3719 persoas, ata alcanzar 993 665 afiliados e afiliadas.

Prestacións por desemprego

En decembro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 119 464 persoas; destas, 62 317 eran prestacións contributivas e 57 147, subsidios. Unha parte das prestacións contributivas seguen correspondendo ao mecanismo dos ERTE, garantía de mantemento de emprego acordado entre os axentes sociais e o Goberno central. Ao remate de xaneiro, os ERTE daban cobertura 31 308 persoas. Por tipoloxía, 2797 de causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción (ETOP), 7587 de forza maior e 20 294 de limitación ou impedimento.