Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

O TSXG atende o recurso de CCOO sobre os falsos autónomos de COGAL e obriga a ditar unha nova sentenza

    A Federación de Industria de CCOO de Galicia informa que a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso de suplicación presentado polos servizos xurídicos do sindicato en relación cos falsos autónomos que traballan para COGAL, no concello pontevedrés de Lalín. A sentenza deixa sen efectos unha anterior do Xulgado do Social n.º 3 de Pontevedra.

    28/01/2021.
    Fragmento da sentenza do TSXG

    Fragmento da sentenza do TSXG

    Na demanda inicial de CCOO, na que tamén aparecía como codemandante a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, esixíase, entre outras cousas, a alta como persoal por conta propia de traballadores e traballadoras de COGAL que prestaban servizos a través de Servicarne, empresa que foi descualificada no 2019 como cooperativa cárnica polo Ministerio de Traballo.

    O Xulgado do Social pontevedrés non considerou que se tratase de falsos autónomos e rexeitou os argumentos de CCOO e da Seguridade Social. No recurso de súplica, Comisións critica que se ditase esa sentenza obviando determinados elementos na relación de feitos probados, o que causaría «indefensión» da parte demandante.

    O TSXG ratifica as teses de Enrique Lillo, avogado dos servizos xurídicos confederais de CCOO, que coida probada a «indefensión» aludida e esíxelle ao Xulgado do Social n.º 3 de Pontevedra ditar unha nova sentenza que corrixa as eivas referenciadas no recurso de suplicación.

    Desde CCOO-Industria acollen con satisfacción esta decisión e avanzan que seguirán loitando para demostrar que os traballadoras e traballadores que prestaban servizos para COGAL eran «falsos autónomos», como se demostrou nas últimas sentenzas de Lugo, e para que lles restitúan as cotizacións á Seguridade Social que indebidamente tiveron que aboar. O sindicato lembra que, ao estaren de alta como autónomos, tiveron que pagar durante anos e do seu peto as cotizacións á Seguridade Social —pagamento que lle correspondía á empresa—, contía que ascende aos 12.000 euros nalgún caso.