Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2024.

CCOO denuncia que Saúde Pública lle denega o teletraballo ao persoal deste departamento

    O sector da Administración autonómica de CCOO denuncia que a directora xeral de Saúde Pública lle denega sistematicamente o teletraballo ao persoal deste departamento que o solicita. Isto, malia o constante emporamento da situación epidemiolóxica en Galicia. O sindicato critica esta actitude por parte dun organismo que ten a misión de promover a protección colectiva da saúde da poboación, máis aínda tras as recomendacións de Feijóo de fomentar o traballo a distancia.

    22/01/2021.
    Traballador realizando o seu labor desde a casa | Foto: Pixabay

    Traballador realizando o seu labor desde a casa | Foto: Pixabay

    Ante o incremento dos contaxios, CCOO xa lle requiriu á Administración galega que poña en marcha, «de forma urxente», unhas novas instrucións para conceder o teletraballo de xeito xeral ao persoal empregado público da Xunta de Galicia.

    Con todo, «chámanos poderosamente a atención» que sexa precisamente unha alta responsable da Consellaría de Sanidade «quen mostre unha maior despreocupación e mesmo desprezo pola proliferación de casos» en Galicia e nos propios centros de traballo da Xunta, lamentan desde CCOO.

    Para CCOO, a Dirección Xeral de Saúde Pública debería ser «a principal valedora do fomento do teletraballo» en prol da mellor saúde de todas as empregadas e empregados públicos, e a primeira en cumprir coas recomendacións da Xunta para a protección colectiva da saúde. «Porén, parece máis importante dar imaxe de ‘normalidade’, aínda que iso implique ateigar os edificios administrativos e os transportes públicos», lamenta Comisións.

    Por todo isto, o sindicato esixe a intervención «urxente» do secretario xeral da Consellaría de Sanidade, para que reverta esta situación e favoreza que todo o persoal non esencial poida realizar as súas funcións desde a casa.