Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO pídelle á Xunta unha mesa do diálogo social para aplicar en Galicia o acordo estatal sobre dependencia

  • O sector leva anos padecendo os efectos dos recortes e a súa situación agravouse por mor da pandemia da covid-19

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia solicítalle á Xunta de Galicia unha mesa do diálogo social para aplicar no noso país o contido do acordo en materia de dependencia a que se chegou o pasado 14 de xaneiro en Madrid. A secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO salienta que o dito acordo prevé desenvolver un plan de choque, aprobado xa polo Consello Territorial do Sistema de Atención á Dependencia (SAAD), onde están representadas as comunidades autónomas.

21/01/2021.
Galicia é unha das comunidades autónomas máis avellentadas do Estado | Foto: Pixabay

Galicia é unha das comunidades autónomas máis avellentadas do Estado | Foto: Pixabay

CCOO leva moito tempo denunciando eivas no SAAD en Galicia, cuxa situación se agravou por mor da pandemia da covid-19. Para reverter os efectos de anos de recortes, así como as deficiencias estruturais que prexudican o sistema e as persoas usuarias, o sindicato xa reivindicara un plan de choque para relanzar o sistema de atención á dependencia.

O plan de choque, así como outras medidas complementarias, están recollidas no extenso informe O sistema de atención á dependencia en Galicia: prestacións e emprego, elaborado polo Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e dispoñible en internet para a consulta pública.

Menores listaxes de espera, menos precariedade laboral

Para desenvolver o pacto estatal e o seu financiamento, asinaranse acordos bilaterais entre o Goberno de España e cada comunidade autónoma. O obxectivo é conseguir reducir substancialmente a listaxe de espera no sistema e os tempos de tramitación das solicitudes, ademais de garantir as axeitadas condicións laborais do sector e a calidade das prestacións ofrecidas.

CCOO considera especialmente importante que o acordo recolla uns mínimos canto a dotación de persoal, así como a inclusión nos pregos de contratación da garantía de cumprimento do convenio colectivo sectorial aplicable e o aumento dos prezos para reducir a precariedade —que é unha das principais eivas no ámbito laboral.