Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2024.

CCOO rexeita as «falsidades e inexactitudes» da exdirectora da biblioteca coruñesa Miguel González Garcés

  • Segundo o sindicato, o comportamento da anterior responsable foi «persistente no tempo e afectou á dignidade e saúde dos traballadores e das traballadoras»

O sector da Administración autonómica de CCOO rexeita as «falsidades e inexactitudes» da exdirectora da Biblioteca Miguel González Garcés, da Coruña, reproducidas en varios medios de comunicación. Segundo o sindicato, as afirmacións da anterior responsable do centro son «un intento de lavado de imaxe» tras a súa «nefasta xestión», que se prolongou entre agosto de 2013 e marzo de 2017, e lembra que o centro estivo «supervisado» durante varios meses pola Inspección de Traballo.

18/01/2021.
Biblioteca pública da Coruña

Biblioteca pública da Coruña 'Miguel González Garcés'

Nas súas declaracións á prensa, a exdirectora chega a afirmar que as súas actuacións «estiveron inspiradas en ofrecer un mellor servizo á cidadanía». Para CCOO, tales «inspiracións» concretáronse en «suspender, anular e eliminar dereitos» do persoal, como a flexibilización horaria, a conciliación ou o descanso semanal, «condicionando permanentemente a vida persoal dos traballadores e traballadoras».

Xa a comezos de 2014, cando a antiga responsable levaba poucos meses no cargo, o sindicato tivo que intervir ante as «numerosas» queixas recibidas, polo que solicitou unha reunión coa dirección, petición que non foi atendida. CCOO tamén critica que a Consellaría de Cultura se negara a intervir, limitándose a responder que a organización dos centros lles corresponde ás direccións.

Ante esta situación, o sindicato presentou varias denuncias na Inspección de Traballo polas modificacións «sistemáticas, arbitrarias e desequilibradas» do descanso semanal do persoal, así como polas denegacións sen xustificación dos días de asuntos persoais dos traballadores das traballadoras. Isto limitou a capacidade de conciliación da vida familiar e laboral, e «chegou afectar seriamente» á saúde dalgúns traballadores.

«Durante varios meses, o centro estivo baixo a supervisión e control da Inspección de Traballo», afirma CCOO. Desde comezos do 2015 e ata a destitución da directora, o sindicato presentou cinco denuncias na Inspección, mais tamén houbo outras presentadas por traballadores e traballadoras a título individual. De feito, entre 2014 e 2016 presentáronse polo menos dez demandas de diferentes traballadores e traballadoras perante os xulgados do social, as cales foron todas estimadas total ou parcialmente.

A autoridade laboral respondeu con diversos requirimentos para que se negociasen cos sindicatos as quendas de descanso, a elaboración do calendario laboral e os períodos de vacacións.

Riscos psicosociais

A Inspección tamén esixiu o respecto aos dereitos sindicais e obrigou a Consellaría a constituír o comité de seguridade e saúde laboral. Así mesmo, a autoridade laboral remitiulle ao centro un requirimento para que «se adoptasen as medidas correctoras precisas para que de forma inmediata se cesase nos comportamentos que vulneraban a dignidade profesional do persoal afectado».

A pedimento de CCOO, a Inspección de Traballo instou unha avaliación dos riscos psicosociais, ao que se negaba a Consellaría. Esa avaliación amosou un «altísimo risco» neste eido (87 %), polo que se esixiu a implementación de medidas preventivas.

A Xunta non se pode sancionar a si mesma

Canto á afirmación da exdirectora, asegurando que a Inspección de Traballo non emitira actas de infracción contra a Consellaría, CCOO lémbralle que existe o «principio de prohibición de autosanción». Isto quere dicir que, dado que o órgano que resolve sería o mesmo que propón a sanción, neste caso a Xunta de Galicia, «non procede a acta de infracción», senón unha proposta de requirimento, que é o que se fixo.