Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO insta as administracións local e autonómica (Xunta, concellos, deputacións) a que se determinen novas medidas de cara á supervivencia do sector da hostalaría e os postos de traballo no sector

    Desde a Federación de Servizos de CCOO, vemos con gran preocupación a grave situación do sector da hostalaría na nosa comunidade e o prexuízo que se está producindo no que respecta á supervivencia do sector e o risco dunha gran perda de postos de traballo, especialmente con motivo das novas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia.

    14/01/2021.
    A hostalaría é un dos sectores máis afectados polas restricións sanitarias

    A hostalaría é un dos sectores máis afectados polas restricións sanitarias

    Non podemos asumir que desde a Administración se criminalice a hostalaría, que as medidas máis duras e restritivas, dedicadas a frear a pandemia, se dirixan principalmente a este sector e que as axudas económicas sexan insuficientes para paliar a grave situación á que o están sometendo.

    As diferentes administracións teñen a obriga de realizar labores de control das medidas preventivas, distancias, capacidade, etc. en todos os locais de uso ou acceso público, pero non é de recibo que se tomen estas medidas drásticas asfixiando a hostalaría, sobre todo cando isto se fai dun xeito especialmente restritivo na nosa comunidade con respecto ás medidas tomadas noutras.

    Se realmente a autoridade sanitaria detecta que este sector pode ser un dos máis importantes vectores de contaxio e son imprescindibles medidas restritivas, a Administración debe ser consecuente ao respecto e asumir que teñen que ir acompañadas dunha serie de axudas económicas para non o abocar á desaparición.

    A Xunta de Galicia e outras administracións (concellos, deputacións) deben renovar e incrementar as axudas e as medidas paliativas, destinando novas cantidades a compensacións económicas a fondo perdido, reducindo impostos e taxas, atrasando o inicio de devolución dos créditos ICO mentres as medidas restritivas recorten a entrada de ingresos ou con axudas ao alugamento que permitan o mantemento da empresa e do emprego.

    Estas medidas deben ir acompañadas dunha serie de requisitos que consigan non só superar esta crise, senón aproveitar a situación para conseguir unha imprescindible modernización e profesionalización do sector, que acabe cun dúmping empresarial que só serve para precarizar as condicións de traballo dos traballadores e traballadoras, e á cal poden axudar os fondos destinados por Europa a paliar a crise derivada da pandemia de COVID-19.

    Desde a Federación de Servizos de CCOO xa lle propuxeramos anteriormente á Administración unha serie de medidas paliativas en concepto de axudas e entendemos que deben incrementarse de forma inmediata e instar o Goberno estatal a un compromiso nos mesmos termos.