Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO lamenta o falecemento de Fernando Miramontes, referencia da loita obreira e antifranquista en Ferrol

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia lamenta o falecemento, aos 85 anos, de Fernando Miramontes, activo militante de base das Comisións Obreiras e destacado dirixente do Partido Comunista, organización pola que foi tenente de alcalde de Ferrol e concelleiro en varias etapas.

    14/01/2021.
    Fernando Miramontes | Foto: Cuerda Floja Producciones (2019)

    Fernando Miramontes | Foto: Cuerda Floja Producciones (2019)

    Fernando Miramontes Vázquez (A Coruña, 15 de xullo de 1935 – Ferrol, 13 de xaneiro de 2021) naceu no seo dunha familia coruñesa de orixes mariñeiras. Ficou orfo de nai aos dez anos, idade á que foi vivir a Ferrol con seu pai, quen se empregaría no taller de escaiolas dun empresario co que compartira militancia anarquista.

    Con 14 anos, Miramontes conseguiu o seu primeiro emprego. Aos 28, xa casado e cunha filla pequena, emigrou a Francia para esquivar o servizo militar. Primeiro el, máis tarde a muller e a meniña. No «paraíso» francés, como o definiría, comezou a militar na CGT francesa e no Partido Comunista no exilio.

    Tras catro anos en Francia, decide regresar a Galicia en 1967. De volta en Ferrol, contacta coa resistencia antifranquista na cidade naval, onde compartiría militancia comunista e nas CCOO con Rafael Pillado, Paco Filgueiras ou Julio Aneiros, entre outros.

    Foi detido por vez primeira en 1969 e encarcerado durante seis meses. Sendo secretario xeral do PCG en Ferrol, acabaría en máis de oito ocasións, pisaría máis dunha vez calabozos e cárceres. Mesmo chegou a ser torturado durante tres días, ficando ás portas da morte, na brutal represión tras os sucesos do 10 de Marzo de 1972.

    A salvaxe tortura levouno a pasar case seis meses hospitalizado. Aínda así, sería detido e maltratado fisicamente varias veces máis entre 1973 e 1975 por todo tipo de acusacións: propaganda antifranquista, militancia en organizacións terroristas ou facer pintadas na rúa. Malia á brutalidade policial, nunca se arrepentiu da súa vida de compromiso: «estou satisfeito de todo o que fixen polo meu país», resumía con orgullo nunha entrevista recente.

    Como traballador autónomo —escaiolista—, non tiña participación directa no sindicato. Con todo, como militante de base de CCOO e persoa comprometida, colaborou en todo o posible, tanto na preparación de folgas, como na organización de asembleas clandestinas.

    «Non participei directamente en CCOO, pero teño que dicir que o meu Renault 4L carrexaba xente para todas as asembleas e levaba os clichés da propaganda como un membro máis», recoñecía con retranca no libro Biografías Obreiras de Ferrol, da autoría de Ton Blanco e editado por Comisións Obreiras e a Fundación 10 de Marzo.