Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Denuncian na Inspección os incumprimentos das empresas da limpeza da Coruña

    Os sindicatos Comisións Obreiras (CCOO), CIG e UGT rexistraron perante a Inspección de Traballo 136 denuncias contra empresas do sector da limpeza da provincia da Coruña, nas cales constatan o incumprimento do artigo oitavo do convenio colectivo. 

    13/01/2021.
    Representantes sindicais no rexistro das denuncias na Inspección. Á dereita da fotografía, Ricardo Santos, responsable de Acción Sindical da Fed. de Construción e Servizos de CCOO

    Representantes sindicais no rexistro das denuncias na Inspección. Á dereita da fotografía, Ricardo Santos, responsable de Acción Sindical da Fed. de Construción e Servizos de CCOO

    Mediante este precepto, as empresas están obrigadas a publicitar e otorgar ampliacións nos centros de traballo a aqueles traballadores e traballadora que non dispoñan da xornada completa. Segundo os sindicatos, este incumprimento prexudica a preto de nove mil empregados e empregadas, que durante 2020 viron como se producían múltiplas ampliacións de servizo por mor da pandemia, sen que iso significase unha mellora das súas condicións contractuais ou laborais.

    CCOO, CIG e UGT lembran que se trata un sector altamente feminizado e cunha elevada precariedade, onde predominan os contratos a tempo parcial —con xornadas partidas en dúas ou máis quendas horarias— e baixos salarios —cunha perda, tamén, do 3 % do poder adquisitivo, malia a suba do IPC.

    Os sindicatos contrapoñen esta precariedade ao aumento da actividade e da facturación que experimentaron as empresas no ano 2020 debido á pandemia. Malia todo, a patronal, na negociación do convenio, propón unha conxelación salarial para o 2020, un «ridículo» incremento económico do 0,8% para o 2021 e a retirada do artigo oitavo do convenio —precisamente o que xa están a incumprir e motivou a denuncia perante a autoridade laboral—, entre outros recortes.