Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

CCOO denuncia que o peche de Siemens-Gamesa é unha decisión «xa tomada»

    CCOO advírtelle á empresa que o sindicato seguirá á fronte da mobilización «e haberá confrontación».

    16/12/2020.
    Barricadas ao comezo da folga na planta das Somozas

    Barricadas ao comezo da folga na planta das Somozas

    A Federación de Industria de CCOO considera que o peche da planta de Siemens-Gamesa no concello das Somozas (Ferrol) é unha decisión que «xa está tomada». O sindicato advírtelle á empresa que seguirá á fronte da mobilización «e haberá confrontación».

    Así o explicou o secretario xeral da federación, Víctor Ledo, ao remate dunha reunión que tivo lugar o martes con participación dos ministerios de Transición Ecolóxica e Industria —a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) e da Dirección Xeral de Industria—, a nova directora xeral de Enerxía da Xunta, o director xeral do IGAPE, directivos de Siemens-Gamesa e representantes de CCOO e UGT.

    O secretario xeral de CCOO-Industria de Galicia avaliou positivamente a actitude amosada por ambas as dúas Administracións: o Ministerio fixo ata cinco propostas distintas, vinculadas á transición enerxética; mentres que a Xunta de Galicia formulou tamén varias alternativas, relacionadas coas novas poxas de enerxía e cos megawatts que van saír a concurso —vinculados coas zonas de transición enerxética xusta.

    Pola contra, Ledo ve negativa a actitude da empresa: «Dá a impresión de que o peche é unha decisión que xa está tomada», lamentou. «Se finalmente o peche vai adiante, o Ministerio e a Xunta fracasarán no que respecta ás súas políticas de transición ecolóxica», advertiu o sindicalista.

    Folga

    A xuntanza do martes decorreu en paralelo á segunda xornada de folga do persoal de Siemens-Gamesa, co que quixeron facer visible as repercusións que tería para a comarca o peche dunha empresa que xera trescentos postos de traballo directos.

    Segundo o secretario xeral de CCOO-Industria de Galicia, as enerxías renovables deben ser un dos motores da reactivación da economía galega, danada pola crise da covid-19. Por esta razón, insistiu, o peche será «un fracaso político».