Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Marzo 2024.

CCOO defende a suba do SMI para unha recuperación económica baseada na reactivación da demanda interna

  • O secretario xeral do sindicato en Galicia, Ramón Sarmiento, lembra que este salario abrangue as capas de poboación con condicións máis precarias

Comisións Obreiras (CCOO) defende a suba do salario mínimo interprofesional (SMI) para lograr un escenario de recuperación económica baseado na reactivación da demanda interna. Segundo o secretario xeral en Galicia, Ramón Sarmiento, a suba do SMI é a tónica das economías da nosa contorna e «é ao que nos chama a Unión Europea». Así o explicou o dirixente sindical nunha intervención esta mañá no programa Bos Días da Televisión de Galicia, e colocou o exemplo de Portugal, que está a barallar unha suba ao redor do 4,5 %.

15/12/2020.
Intervención do secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, na TVG

Intervención do secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, na TVG

O secretario xeral de CCOO recalcou que o SMI é «a referencia mínima» para a clase traballadora, fronte á interpretación de moitos empresarios que a toman como unha referencia «de máximos».

Sarmiento lembrou que o SMI vincula, actualmente, unha parte importante da poboación, sobre todo aquela en condicións laborais máis precarias, «como a mocidade ou os sectores máis feminizados». Para o dirixente sindical, «cómpre desterrar a idea de traballadores cun salario que non lles permite chegar a fin de mes».

Nesta liña, o secretario xeral de CCOO incidiu en que a saída da crise non se pode caracterizar por xerar «unha bolsa de traballadores precarios», senón por que teñan condicións de vida dignas e «participen na reactivación da economía a través do consumo».

Canto á posible repercusión no emprego, Sarmiento foi contundente ao desvincular a suba do SMI dunha hipotética caída da contratación. «Ningún empresario vai deixar de contratar os traballadores que precisa para dar resposta ao seu nivel de actividade, de exportación ou de vendas na súa empresa».

Pensións

Ao final da entrevista, o secretario xeral de CCOO foi preguntado sobre a proposta do ministro de Inclusión e Seguridade Social, José Luis Escrivá, para aumentar de 25 a 35 anos o período de cálculo da pensión. Segundo Sarmiento, o acordo de pensións é «o convenio colectivo máis grande do noso país» e calquera modificación deberá ser froito dun «profundo debate», sen accións «unilaterais» e sempre respectando o Pacto de Toledo.