Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

CCOO reclama unha nova Estratexia Europea sobre Discapacidade

    Desde a declaración, en 1992, do día 3 de decembro como Día Internacional das Persoas con Discapacidade, esta xornada converteuse nunha referencia reivindicativa dos dereitos e o benestar das persoas con diversidade funcional en todos os ámbitos da sociedade, así como de concienciación sobre a súa situación en todos os aspectos da vida: política, social, económica e cultural.

    02/12/2020.
    CCOO reclama unha nova Estratexia Europea sobre Discapacidade

    CCOO reclama unha nova Estratexia Europea sobre Discapacidade

    Situación en Galicia
     
    En Galicia hai 235 446 persoas cunha discapacidade certificada superior ao 33 % (114 485 homes e 120 961 mulleres); delas, só 37 895 teñen recoñecida a condición de persoas dependentes e poden optar ás prestacións que outorga a lexislación na materia.
     
    Deste total, algo máis da metade (132 216) teñen unha discapacidade entre o 33 e o 64 %; a cuarta parte (61 991), unha discapacidade entre o 65 e o 74 %; e case dúas de cada dez (concretamente o 17,5 %), unha discapacidade superior ao 75 %.
     
    Estratexia europea
     
    CCOO súmase a esta xornada reivindicativa e sinala a necesidade dunha Estratexia Europea de Discapacidade para 2021-2030, baseada na estratexia actual pero que se complete con accións específicas para velar pola incorporación real dos dereitos das persoas con discapacidade na política, os programas e os instrumentos da UE.
     
    Esa estratexia debe abordar o actual contexto social e económico europeo, tendo en conta a difícil situación das persoas con discapacidade no marco da crise sanitaria e económica resultante da pandemia da covid-19. Todo isto sen esquecermos os compromisos contraídos por España en virtude da Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, a lexislación da UE, o Piar Europeo de Dereitos Sociais e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas.
     
    Reforzar as medidas para a integración das persoas con discapacidade no mercado laboral ordinario ha ser un dos obxectivos principais desa nova estratexia, para garantir a plena inclusión social e económica de todas as persoas.
     
    Tamén cómpre que, desde o marco europeo, se adopten medidas específicas en relación cos riscos para a seguridade e a saúde no traballo que afectan a este grupo de traballadores e traballadoras, coa adopción dun enfoque preventivo ao apoiar a contratación e a reincorporación ao traballo de persoas con discapacidade.

    CCOO é partidario, xunto coa maioría de sindicatos europeos, de que se reforcen as obrigas, de ofrecer unha adaptación razoable dos lugares de traballo aos traballadores e traballadoras con discapacidade. Tamén da obriga de consulta periódica á representación sindical sobre as políticas de integración aplicadas no ámbito sectorial e de empresa.
     
    Por último, no Día Internacional das Persoas con Discapacidade, CCOO reclama que a nova estratexia europea inclúa e apoie campañas de sensibilización sobre as barreiras que atopan as persoas con discapacidade. Estas campañas deberían pór de relevo a discriminación múltiple e interseccional a que se enfrontan as persoas con discapacidade pertencentes a certos grupos, en particular as mulleres e as nenas, as persoas LGBTI, as persoas migrantes, refuxiadas e de minorías étnicas.