Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

4 de novembro: Día Europeo da Igualdade Salarial

    04/11/2020. Gabinete de Igualdade de CCOO
    4 de novembro: Día europeo da Igualdade Salarial

    4 de novembro: Día europeo da Igualdade Salarial

    En coherencia coa loita do Sindicato de CCOO contra as discriminacións que sofren as mulleres no mercado laboral, sobre todo no tocante ás diferenzas salariais, hoxe, desde o Gabinete de Igualdade, queremos sumarnos ás reivindicacións da Confederación Europea de Sindicatos (CES), da que somos parte integrante, para lles demandar ás administracións españolas e galegas o cumprimento da normativa actual en materia de rexistros e auditorías salariais.

    A transparencia en materia retributiva ten que ser a base de todas as políticas en prol da igualdade, porque a fenda salarial que sofren as mulleres, como ben nos lembran as estatísticas, implica que durante case dous meses ao ano o traballo remunerado que elas realizan no mercado laboral resulta, de feito, gratuíto con respecto ao dos homes, debido a esa discriminación salarial que alcanza unha media do 25 % menos de salario para as mulleres.

    Neste día de reivindicación e visibilización, os sindicatos membros da CES lanzamos un proxecto de directiva sobre transparencia salarial de xénero que ofrecemos á Comisión Europea para que o empregue libremente.

    Agardamos que se tomen medidas claras para traballar sobre esta tremenda inxustiza, máis nestes tempos de COVID-19 que deixan claro que a maioría das sustentadoras do sistema son mulleres (traballadoras nos servizos esenciais e de coidados).