Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

A última EPA, marcada pola estacionalidade, «revela emprego precario e agonía industrial», alerta CCOO

  • Medra o paro e o emprego que se crea é precario, situación que prexudica especialmente as mulleres, advirte o sindicato, que critica a destrución de emprego público no ámbito da Xunta de Galicia

Comisións Obreiras (CCOO) amosa a súa preocupación ante os datos da última enquisa de poboación activa (EPA). Segundo o sindicato, as cifras ?marcadas pola estacionalidade? constatan un aumento do paro, ao tempo que o emprego creado é precario ?situación que prexudica especialmente as mulleres? e o sector industrial continúa «agonizando». Asemade, as actividades relacionadas coa educación están a ser das máis prexudicadas nesta crise.

27/10/2020.
O emprego que se crea é precario, sinala a última EPA

O emprego que se crea é precario, sinala a última EPA

Segundo a EPA, traballan 32.300 persoas máis ca no trimestre anterior, cifra que se explica pola fin do confinamento, pero tamén pola inclusión das persoas que están inmersas nunha regulación temporal de emprego (ERTE).

A incorporación á actividade aumentou en 34.500 persoas, o que supón unha suba do 2,89 % que, con todo, é inferior á media do Estado (+4,21 %). Isto tradúcese nunha menor taxa de actividade galega, que é do 52,8 %, mentres que a estatal é do 57,83 %.

Aumento do emprego e do paro

Os datos reflicten un aumento de 32.200 empregos en Galicia, que sitúa en 1.082.600 o número de persoas traballando ao remate do terceiro trimestre do ano, co que case se recupera o emprego perdido no trimestre anterior. Porén, o desemprego aumenta en 2300 persoas, un +1,61 % máis ca no trimestre anterior, cun desequilibrio na evolución por sexos: -11 % o masculino e +12,7 % o feminino.

Por sectores, o emprego aumenta en todos agás na industria, que perde 2800 (-1,5 %). O sector dos servizos é o que máis traballo crea, con 25.600 empregos máis, destacando as actividades dos servizos profesionais (10.200), a hostalería (9300) e a sanidade (2900). Dentro dos servizos, a educación é a rama que perde emprego: -6600, malia ser setembro un mes de retorno á actividade lectiva.

A Xunta destrúe emprego

Canto á duración, o 94 % dos empregos por conta allea creados son temporais, en total 28.700 temporais dos 30.600 creados. Medra o emprego asalariado en 25.200 persoas no sector privado e en 5400 no sector público, aínda que de maneira desigual nas diferentes Administracións: +4100 na local, +2100 na estatal, +1700 no sector público empresarial, pero -2800 na Xunta de Galicia.

No terceiro trimestre do ano redúcese o número de persoas que estaban tanto en expediente de regulación temporal de emprego (de 120.500 a 14.200), como de redución de xornada (de 89.200 a 7400). En consecuencia, as horas efectivas traballadas soben un 3 %, malia ser o período en que se concentran as vacacións.

Elevadísimo número de fogares sen ingresos

Segundo a EPA, hai 53.200 fogares con todas as persoas en desemprego e 33.500 fogares sen ingresos. O número de fogares onde non entra ningún ingreso redúcese respecto do trimestre anterior pero medra un 22 % desde o terceiro trimestre de 2019.