Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

Xornadas didácticas organizadas polo Gabinete de Igualdade de CCOO de Galicia

    Desde a súa creación, este Gabinete esforzouse por promover unha formación especializada das persoas que compoñen as delegacións das CCOO nas empresas galegas. Todas as federacións tiveron acceso a esta formación presencial. A pandemia freou as nosas aspiracións de levar os conceptos básicos sobre igualdade e plans de igualdade á maior cantidade de delegados e delegadas de CCOO, pero os resultados obtidos nas xornadas dos primeiros meses do 2020 foron esperanzadores e lévannos a organizalas de novo (terán lugar este outono).

    14/10/2020. Gabinete de Igualdade
    O Gabinete de Igualdade de CCOO está ao servizo da clase traballadora

    O Gabinete de Igualdade de CCOO está ao servizo da clase traballadora

    Unha das cousas que máis nos chama a atención cando analizamos plans de igualdade, prestamos asesoramento técnico ás nosas delegadas e delegados nas súas comisións de igualdade, ou mesmo no transcurso das xornadas didácticas que impartimos, é o escaso compromiso coa negociación do plan de igualdade nas empresas (tanto pola parte empresarial como pola social). Analizando as circunstancias, os argumentos e as situacións, chegamos á conclusión de que a base desas reticencias non só se atopa no machismo e as estruturas patriarcais da nosa sociedade, senón tamén no absoluto descoñecemento dos conceptos máis básicos en materia de igualdade e perspectiva de xénero, amais da incomprensión dos mecanismos que traballan para establecer e perpetuar as desigualdades laborais que afrontan as mulleres no mercado laboral.

    Por iso, continuamos o noso labor didáctico a través da web do sindicato, na sección do Gabinete de Igualdade, e tamén no desenvolvemento de novas xornadas que sirvan para orientar a todas as persoas que negocian ou negociarán, en nome das CCOO de Galicia, plans ou medidas de igualdade nas súas empresas respectivas.

    Iremos ampliando este apartado da sección do Gabinete coas novas xornadas e seminarios previstos ata finais de ano.