Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Marzo 2024.

Pensionistas de CCOO e UGT piden aumentar o gasto sanitario, reforzar a atención á dependencia e revalorizar as pensións

  • Solicitan tamén medidas para protexer as persoas maiores da COVID-19

Co gallo do Día Internacional das Persoas de Idade, que se celebra o 1 de outubro, as federacións de pensionistas e xubilados de CCOO e UGT piden incrementar o gasto sanitario, reforzar a atención á dependencia e revalorizar as pensións. Os sindicatos salientan tamén o impacto da pandemia, que segundo os datos oficiais provocou a morte de polo menos 20.000 persoas maiores no Estado español.

01/10/2020.
Hoxe é o Día Internacional das Persoas de Idade

Hoxe é o Día Internacional das Persoas de Idade

As federacións de pensionistas de CCOO e UGT piden situar o gasto sanitario xeral en, como mínimo, o 7,2 % do PIB. E, concretamente na atención primaria, elevar o seu peso ao 25 % do gasto sanitario total, para conseguir achegar á poboación os servizos sanitarios e dar máis capacidade resolutiva á atención primaria.

Piden tamén medidas para protexer da COVID-19 as persoas maiores. Para isto hai que traballar considerando tres situacións diferentes na poboación maior: persoas maiores autónomas, persoas que requiren axuda a domicilio e persoas residentes en centros de maiores.

O primeiro caso require illamento e prevención primaria, pero os outros dous casos precisan dunha aposta polo establecemento de criterios comúns estatais, amparando os dereitos de atención á dependencia e a saúde pública mediante o procedemento de cooperación interadministrativa que regule criterios claros de actuación, que deberán aplicar tanto as administracións competentes como as empresas do sector e os seus traballadores e traballadoras.

CCOO e UGT tamén consideran que o Sistema de Atención á Dependencia (SAAD) precisa máis capacidade de resposta ante a crise sanitaria. Desde 2012, o desenvolvemento do SAAD foise asentando sobre unha fraxilidade que quedou patente os últimos anos, inciden os sindicatos. Potenciar o sistema sobre o eixe crucial da calidade é clave para afrontar os meses que están por vir.

Revalorización das pensións

Aínda que a revalorización das pensións vén recollida no artigo 50 da Constitución, a única fórmula de revalorización automática que garantía por lei o mantemento do poder adquisitivo das pensións foi a nacida do Acordo de Pensións de 1996, que se concretou nunha nova fórmula de revalorización na Lei Xeral de Seguridade Social ligada entón á inflación. Estivo vixente ata a reforma unilateral imposta polo Goberno do PP en 2013. Se o Goberno non derroga a reforma de pensións do 2013, o 1 de xaneiro do 2021 volverase á fórmula do IRP (0,25 %), algo que os sindicatos rexeitan.

Documentación asociada
Documentación asociada