Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Abril 2024.

A Inspección de Traballo dálle a razón a CCOO e insta a Xunta a proporcionarlle máscaras a todo o seu persoal

  • Comisións congratúlase por unha decisión que reforza a protección da saúde dos empregados e empregadas públicas

A Inspección de Traballo dálle a razón a Comisións Obreiras (CCOO) e insta a Xunta de Galicia a lle proporcionar máscaras a todo o seu persoal. O sindicato pedira en reiteradas ocasións que se lles facilitase este elemento de protección a todas as traballadoras e traballadores da Administración autonómica.

30/09/2020.
A Xunta deberá facilitarlle máscaras a todo o seu persoal

A Xunta deberá facilitarlle máscaras a todo o seu persoal

CCOO congratúlase por unha decisión que reforza a protección da saúde dos empregados e empregadas públicas, pero lamenta que a Xunta non atendera de oficio a reivindicación, senón que fora precisa unha denuncia perante a autoridade laboral ?formalizada o pasado 25 de xullo.

Na denuncia, CCOO sinaláballe á Inspección de Traballo que a Xunta estaba a vulnerar as súas propias normas, pois ao excluír determinado persoal incumpría a disposición publicada no Diario Oficial de Galicia do 18 de xullo.

Na súa resolución, a Inspección determina que o uso de máscara é obrigatorio tanto nos espazos abertos coma nos pechados. Neste sentido, os centros de traballo son lugares onde o uso de máscara é obrigatorio; por isto, a Administración, como empregadora, débelle proporcionar máscaras a todo o seu persoal.

Ademais, tendo en conta que a denuncia de CCOO abrangue centros de traballo dependentes de todas as consellarías da Xunta de Galicia, correspóndelle a Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza facer efectiva esta obriga, considerando ademais que dela depende o servizo de prevención de riscos.

Por todo isto, CCOO insta a Xunta de Galicia a cumprir decontado coas instrucións da Inspección de Traballo e entregar «canto antes» ao seu persoal máscaras hixiénicas ou cirúrxicas en cantidade suficiente para abranguer toda a xornada laboral.