Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Acordo para afondar no diálogo social e sentar as bases para saír desta crise

  • Os axentes sociais asinaron co Goberno galego a Declaración para a reactivación económica e social de Galicia

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, UGT, a patronal CEG e a Xunta asinaron este mércores a Declaración para a reactivación económica e social de Galicia. O obxectivo é afondar no diálogo social e sentar as bases para saír da crise provocada pola pandemia da COVID-19.

23/09/2020.
O asinamento da Declaración tivo lugar na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela

O asinamento da Declaración tivo lugar na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela

O grave impacto da crise na actividade económica vén confirmado pola caída do PIB no segundo trimestre do 2020, un -14,5 % en Galicia e -18,5 % no Estado. Os datos oficiais indican que a economía galega afronta un escenario aínda máis negativo que na recesión de 2008; de feito, entre os meses de marzo e agosto perdéronse o 0,72 % das afiliacións á Seguridade Social.

A Declaración salienta que a sociedade galega «está a dar un exemplo de civismo co seu comportamento», e as Administracións públicas e os axentes económicos e sociais «deben colaborar xuntos para paliar na medida do posible os efectos da pandemia sanitaria na economía e no benestar».

Neste contexto, as partes que asinan a Declaración coidan «indispensable» intensificar o acordo do Diálogo Social rubricado o pasado 10 de decembro de 2019, para seguir traballando polo futuro de Galicia «co reto de reforzar as obrigas adquiridas nas circunstancias actuais».

Prioridades

Como prioridades recóllense a mellora da competitividade empresarial, con énfase na innovación, na dixitalización, no investimento na industria e en servizos que xeren emprego de calidade, así como na modernización do sector primario e o apoio específico aos sectores máis prexudicados pola crise. Tamén, a modernización do sistema de orientación laboral, as políticas de emprego, maiores facilidades para a conciliación ou a mellora do mecanismo dos ERTE. En terceiro lugar, o reforzamento dos servizos públicos, especialmente a sanidade, a educación, os servizos sociais, a atención á dependencia e a protección social.

CCOO estará á altura

Na súa intervención, o secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Ramón Sarmiento, insistiu na necesidade de que Galicia dispoña dun plan de reactivación social e económica dialogado e acordado polos axentes sociais. Recoñeceu que isto representará un «esforzo», pero asegurou que Comisións Obreiras «estará á altura deste desafío».

Sarmiento salientou o novo paradigma europeo á hora de lle facer fronte á crise, rexeitando unha xestión baseada nos recortes, un gran cambio respecto das medidas adoptadas ante a crise do 2008. «Isto dános a oportunidade de protexer axeitadamente as persoas e a actividade económica», así como novas oportunidades «para modernizar o noso modelo produtivo cara a outro máis sustentable e innovador», capaz de xerar máis emprego e de máis calidade.

O secretario xeral de CCOO concluíu instando a reforzar servizos públicos e o emprego que se xera ao seu redor, así como a mellorar as prestacións sociais e os servizos prestados á cidadanía.