Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Abril 2024.

Ramón Sarmiento: «O acordo sobre o teletraballo equilibra as relacións laborais»

  • O secretario xeral de CCOO foi entrevistado a noite do martes no programa 'A Crónica' da Radio Galega

O secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, aplaude o acordo sobre o teletraballo ao que chegaron onte o Goberno e os axentes sociais. «Na nosa opinión, equilibra as relacións entre empresarios e traballadores; establece normas, tanto de dereitos como de obrigas polas dúas partes e vai facilitar a seguridade xurídica», explicou o dirixente sindical en declaracións á Radio Galega.

23/09/2020.
O secretario xeral de CCOO foi entrevistado pola Radio Galega

O secretario xeral de CCOO foi entrevistado pola Radio Galega

«O acordo sobre o teletraballo temos que situalo nunha axenda de modernización das relacións laborais», apuntou Sarmiento, ao tempo que lembrou que a actual regulación da materia estaba limitada a «só tres parágrafos na normativa laboral».

Situación dos ERTE

Na entrevista para o programa A Crónica da radio pública, o secretario xeral de CCOO tamén falou sobre a prórroga dos ERTE. Segundo explicou, actualmente hai ao redor de 25.000 galegos e galegas acollidos a este mecanismo, «moi lonxe» do período en que a cifra superaba as 200.000 persoas.

Preguntado polo fondo europeo que sufragará os custos dos ERTE, Ramón Sarmiento apelou a non se fixar só no custo económico desta medida, «que é moi relevante», senón a constatar que se demostrou como un mecanismo «moi eficaz» para evitar a destrución de emprego. «Pensemos en cal sería o escenario sen dispormos desa medida», sinalou o dirixente sindical.

Ingreso mínimo vital

O secretario xeral de CCOO concluíu a entrevista pedindo medidas para «axilizar» a tramitación de prestacións como o ingreso mínimo vital, para o que cómpre reforzar o persoal da Administración pública encargado do seu trámite.