Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

CCOO-Ensino denuncia que a Consellaría atrasa sen data a valoración do persoal especialmente sensible á COVID-19

  • O sindicato rexistrou un escrito esixindo a inmediata valoración das solicitudes presentadas polas traballadoras e traballadores

A Federación do Ensino de CCOO de Galicia denuncia que a Consellaría de Educación atrasa sine die a valoración do persoal especialmente sensible á COVID-19. O sindicato rexistrou un escrito esixindo a inmediata valoración das solicitudes presentadas polas traballadoras e traballadores, así como a dispensa de acudiren de xeito presencial ao seu posto de traballo mentres non haxa unha resolución.

15/09/2020.
CCOO insta a valorar o persoal especialmente sensible

CCOO insta a valorar o persoal especialmente sensible

Actualmente, acumúlanse nas catro provincias galegas centos de solicitudes de traballadoras e traballadores da Consellaría para seren cualificados «persoal especialmente vulnerable» á COVID-19, sen que comezase sequera a súa tramitación. A Administración está «absolutamente desbordada», segundo CCOO, principalmente pola inexistencia de servizos de prevención de riscos laborais en cada unha das xefaturas territoriais provinciais.

Persoal «especialmente sensible»

Segundo o sindicato, a Xunta «fai caso omiso» do procedemento do Ministerio de Traballo para os servizos de prevención de riscos laborais fronte ao SARS-COV-2, así como das medidas do Ministerio de Educación para a prevención, hixiene e promoción da saúde fronte á COVID-19.

Os ministerios definen como «persoal especialmente sensible» aquel que padeza enfermidade cardiovascular ?incluída a hipertensión?, enfermidade pulmonar crónica, diabetes, insuficiencia renal crónica, inmunodepresión, cancro ?en fase de tratamento activo?, enfermidade hepática crónica grave, obesidade mórbida, ter máis de 60 anos e tamén as situacións de embarazo. A situación destes colectivos ha ser avaliada e é preceptivo emitir un informe sobre as medidas de prevención, de protección ou de adaptación do posto de traballo.

Para CCOO-Ensino, a raíz deste problema é a escasa dotación dos servizos de prevención de riscos laborais da Consellaría, «reducidos á súa mínima expresión», así como a «nula importancia» que o departamento outorga á protección da saúde do seu persoal. De feito, o sindicato xa denunciara isto mesmo o pasado mes de maio.

Denuncia nas instancias laborais e xudiciais

«A Consellaría volve demostrar a súa incompetencia para preparar axeitadamente o comezo do curso», censura CCOO. Para garantir a protección da saúde das traballadoras e traballadores do ensino público, o sindicato denunciará a situación perante as autoridades laborais e xudiciais que corresponda.