Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO pídelle á nova conselleira de Emprego que poña o foco sobre a alta sinistralidade en Galicia

  • O Porriño rexistrou en xuño o 30 % dos accidentes laborais mortais da provincia de Pontevedra e o 11 % do total de Galicia

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia pídelle á nova conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, que poña o foco sobre a alta sinistralidade no noso país. O secretario de Saúde Laboral da organización, Roi Fernández, lamenta a última morte rexistrada en Galicia nun accidente de traballo, ocorrida o martes nun polígono do Porriño (Pontevedra).

09/09/2020.
#NonMáisMortesNoTraballo

#NonMáisMortesNoTraballo

O sindicalista apunta que a do martes foi a quinta morte no que vai de ano nos polígonos industriais da localidade pontevedresa. «Cómpre analizar polo miúdo o que está a acontecer aquí», sinala con preocupación Fernández. Segundo os datos do pasado mes de xuño do Ministerio de Traballo, este concello concentrou o 11 % dos accidentes mortais de toda Galicia (3 de 27) e o 30 % dos da provincia (3 de 10).

«Por desgraza, a tendencia segue mantense, xa que no mes de xullo se produciu outro tráxico accidente mortal que, xunto co do martes, elevan a cinco as mortes totais no Porriño», explica o secretario de Saúde Laboral de CCOO.

O papel da Xunta

No mes de xuño, ante a situación da sinistralidade mortal en Galicia, os sindicatos CCOO, UGT e CIG pedíronlle á Xunta que convocase unha reunión do Consello Galego de Seguridade e Saúde no Traballo, que se produciu o pasado 27 de xullo. Alí acordouse a creación dun grupo de traballo para analizar e investigar os accidentes laborais graves e mortais en Galicia, e facer propostas sobre como atallar este fenómeno desde o ámbito da prevención de riscos.

«Seguimos á espera dunha proposta de mesa por parte da Xunta de Galicia», sinala Fernández, «porque a situación é moi preocupante en toda Galicia, pero de xeito singular nos polígonos industriais do Porriño, que merecen unha ollada máis polo miúdo».

Por esta razón, o sindicalista insta a nova conselleira a «poñer como eixe central» da súas políticas a prevención de riscos laborais, sendo «prioritario» facer unha análise das causas que están provocando a «alta sinistralidade mortal que sufrimos e así podermos abordar o problema desde a orixe».

Detección de enfermidades profesionais

Finalmente, CCOO reivindica unha colaboración estreita coa Consellaría de Sanidade para mellorar e avanzar na detección de enfermidades profesionais. Para isto, cómpre «darlle un pulo» ao programa de sospeita de enfermidade profesional, «unha ferramenta útil para contribuír a solucionar este grave problema que padece a clase traballadora», conclúe Roi Fernández.