Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Abril 2024.

A Consellaría de Educación reacciona ante a convocatoria de folga, pero o novo protocolo segue sendo insuficiente

  • Anticipa unha semana a publicación do protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 e introduce cambios sobre o texto aprobado en xullo

A Consellaría de Educación reaccionou ante a convocatoria de folga os días 10 e 16 de setembro, datas de comezo do curso escolar nas diferentes etapas educativas. O departamento autonómico anticipou unha semana a publicación do protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 e introduciu cambios sobre o texto aprobado unilateralmente o pasado mes de xullo.

02/09/2020.
CCOO denuncia que o novo protocolo aínda é insuficiente

CCOO denuncia que o novo protocolo aínda é insuficiente

A Xunta de Galicia fixara para o 7 de setembro a publicación do dito protocolo, pero acabouno facendo o martes, día 2, menos de vinte e catro horas despois de que a maioría dos sindicatos do ensino anunciasen as datas da folga. Tanto as organizacións sindicais como as traballadoras e traballadores do ensino souberon deste feito e do contido do documento a través dos medios de comunicación, «proba do escaso valor que o Goberno galego lle dá á interlocución social».

Despois de insistir en que o inicio de curso en Galicia non ía sufrir modificacións, agora a Xunta prevé unha volta gradual ás aulas, durante cinco días, en vez de facelo dunha soa vez os días 10 e 16. A modificación máis importante no novo protocolo refírese ao criterio da distancia en ESO e Bacharelato: aquí si se respectan os 1,5 metros que recomendan as autoridades sanitarias e prevese o desdobramento naqueles grupos en que non se poida cumprir con este criterio. Na práctica, suporía unha redución de ratios.

Porén, CCOO-Ensino coida «inexplicable» que o mesmo criterio non se aplique en infantil e primaria. Segundo a Xunta, en infantil e primaria conformaranse «grupos estables de convivencia», co que se elimina a necesidade de manter a limitación de distancia. «Non deixa de ser un pretexto e un engano, pois de ningunha forma se pode garantir a estanquidade deses grupos máis aló das actividades realizadas dentro do recinto escolar», censura o sindicato, que tacha de «irresponsable» este argumento, xa que as autoridades sanitarias recomendan manter a distancia social en todos os casos.

O novo protocolo mantén as eivas do anterior, como o traslado aos equipos directivos e ao profesorado das funcións propias da Administración, dos servizos técnicos e do persoal sanitario: redacción do plan de adaptación, elaboración do plan de continxencia, coordinación do comité COVID, subministración ou control dos materiais de protección. Os criterios para a limpeza e desinfección son tamén insuficientes. CCOO esixe o incremento do persoal para «asegurar as condicións mínimas de fiabilidade».

Ao tempo, a Consellaría «desenténdese» da dotación de equipamentos de protección individual (EPI) para os seus traballadores e traballadoras. Ante isto, CCOO lémbralle que «é obriga da empresa dotar o persoal dos EPI precisos».

Clases telemáticas

Canto á posibilidade dun escenario que esixa a atención telemática, CCOO repróchalle á Xunta que obrigue o profesorado a facer nun mes o que a Consellaría de Educación non deu feito desde marzo. «Non é de recibo que se inste o profesorado a que detecte en setembro o alumnado con dificultades de conexión, xa que son datos que a Consellaría ten desde o curso pasado», reprocha CCOO.

Por outro lado, preténdese que o profesorado realice este mes un curso de formación ?para despois formar o alumnado no uso dos medios telemáticos? ao tempo que fai a programación do curso ?presencial e a distancia?, atende o alumnado e se adapta á nova realidade.

Por todo isto, CCOO-Ensino considera «insuficiente» o novo protocolo e esixe unha negociación cos axentes sociais e coa comunidade educativa para procurar solucións ás numerosas deficiencias expostas.