Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Folga no ensino os días 10 e 16 de setembro para rexeitar o protocolo da Xunta contra a COVID-19

    Os sindicatos Comisións Obreiras (CCOO), CIG, CSIF e STEG convocan mobilizacións e folga para os días 10 de setembro en educación infantil, primaria e educación especial, e o 16 de setembro no resto de niveis educativos, para rexeitar o protocolo da Xunta de Galicia contra a COVID-19.

    01/09/2020.
    Conferencia de prensa para anunciar as mobilizacións e a folga

    Conferencia de prensa para anunciar as mobilizacións e a folga

    Os sindicatos critican que a Consellaría de Educación manteña sen cambios o protocolo previsto para o comezo do curso 2020-2021, malia a oposición manifestada pola comunidade educativa, que esixe a aplicación das condicións de distanciamento físico fixadas por entidades internacionais. Entenden que a negativa da Xunta a modificalo constitúe «unha irresponsabilidade», de aí a convocatoria de folga e mobilizacións.

    As organizacións sindicais tamén denuncian carencias como a ausencia dunha avaliación de riscos en todos os centros educativos, a falta de medidas para garantir o dereito á educación en igualdade de condicións no caso de ter que recorrer a modelos de educación a distancia ou o traslado aos equipos directivos de competencias que lle corresponden á Administración (prevención de riscos, servizos médicos...).

    CCOO, CIG, CSIF e STEG teñen claro «que o risco cero non existe», pero a volta ao ensino presencial debe ser «nun medio da maior seguridade posible para toda a comunidade educativa».

    Concentracións diarias nos centros

    Os catro sindicatos tamén propoñen que todo o profesorado e persoal non docente se concentre cada día, a partir do 1 de setembro, ás portas dos centros educativos. As protestas serán pola mañá e no horario que cada centro considere máis axeitado.

    + Máis información e recursos:
    - Páxina web de CCOO-Ensino