Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO afirma que a improvisación é «a única política» da Xunta contra os incendios forestais

  • O sindicato lamenta que a Administración autonómica «non aprenda nada dun ano para outro» e atrase «o máximo posible» a entrada en vigor das medidas de prevención

Comisións Obreiras (CCOO) afirma que a improvisación é «a única política» da Xunta de Galicia contra os incendios forestais. Desde a fin de semana, varios lumes afectaron ou están a afectar diversos puntos da xeografía galega, como Chandrexa de Queixa, a serra do Xurés, O Barco de Valdeorras e máis recentemente na Barbanza, concretamente en Dodro e Rianxo. Malia levarmos xa dúas semanas con elevadas temperaturas para esta época do ano e baixas precipitacións, a Administración autonómica agardou ata o 24 de marzo para decretar a prohibición de queimas e outras actividades similares, que se fixo efectiva o luns.

26/03/2019.
Bombeiros forestais traballando na extinción dun incendio

Bombeiros forestais traballando na extinción dun incendio

Desde CCOO lembran que «non é nada novo» que se rexistren lumes en pleno marzo, e lembra o «voraz» incendio que a finais dese mes, no ano 2012, asolou as fragas do Eume. A pesar dos antecedentes e dos propios rexistros meteorolóxicos de que dispón, a Xunta teima en «atrasar o máximo posible» a entrada en vigor das medidas de prevención.

O sindicato insta a Xunta a facer unha «axeitada planificación» do operativo contraincendios. Para iso, debe establecer un «diálogo real e honesto» cos axentes sociais, abordalo «con marxe de tempo suficiente» e dotar «axeitadamente» de recursos humanos e técnicos este servizo público que cualifica de «esencial».