Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Marzo 2024.

QUEN SOMOS?

CCOO é unha organización sindical democrática e de clase, formada por traballadores e traballadoras que nos afiliamos de forma voluntaria e solidaria para defendermos os nosos intereses e conseguirmos unha sociedade máis xusta, democrática e participativa.

CCOO é un sindicato de homes e mulleres que ten entre os seus principios impulsar e desenvolver a igualdade de oportunidades, así como combater a discriminación por razón de sexo.

CCOO é un sindicato reivindicativo, participativo e diverso, que quere agrupar o conxunto de traballadoras e traballadores das distintas profesións e colectivos na defensa dos intereses do mundo asalariado, dos e das pensionistas, das persoas que están no paro, das emigrantes, da inmigración e da mocidade.

CCOO é un sindicato nacional que loita por conseguir a completa igualdade de todas as persoas que viven e traballan en Galicia, que rexeita calquera tipo de discriminación por razóns de orixe xeográfica ou lingüística e que reafirma a plena solidariedade dos intereses do pobo de Galicia cos outros pobos do Estado español.

CCOO é un sindicato plural, aberto a todos os traballadores e traballadoras, calquera que sexa a súa ideoloxía, filosofía, concepción política ou relixiosa, dentro do respecto aos dereitos humanos e as normas democráticas.

CCOO é un sindicato unitario e democrático, no que traballamos por lograr a unidade do conxunto de traballadores e traballadoras e no que decidimos as actuacións sindicais e o noso funcionamento a partir das asembleas das persoas afiliadas e dos órganos de dirección e xestión que eliximos democraticamente.

CCOO é un sindicato que actúa de xeito autónomo e independente dos poderes económicos, do Estado e de calquera outro interese alleo aos seus fins, e tamén dos partidos políticos.

CCOO é un sindicato sociopolítico que, ademais de reivindicar a mellora das condicións de traballo e de vida, asume a defensa de todo aquilo que nos afecta como traballadoras e traballadores, dentro e fóra da empresa.

CCOO é un sindicato internacionalista, desde o cal fomentamos a solidariedade con todos os pobos do mundo que loitan polas liberdades democráticas, e cos refuxiados e refuxiadas, traballadoras e traballadores que padecen persecución por exerceren os seus dereitos sindicais e democráticos.

CCOO é un sindicato pluriétnico e multicultural que loita contra o racismo e a xenofobia, que promove os valores do respecto, a tolerancia e a convivencia entre os membros das distintas etnias e pobos, que quere agrupar e defender as reivindicacións dos traballadores e traballadoras inmigrantes, garantíndolles a plena igualdade de dereitos e deberes dentro da organización, e a súa inserción na nosa comunidade.

CCOO estrutúrase en federacións, segundo a actividade ou sector ao que pertence a empresa, e en unións, segundo o territorio onde se sitúa o centro de traballo; a nosa estrutura é, pois, sectorial e territorial.

CCOO é o primeiro sindicato de España por número de persoas afiliadas e por delegados elixidos nas eleccións sindicais.